Estudante de costas na pasarela da Biblioteca Central

Strategic Plan

Universidade de Vigo's strategic plan 2020-2026

 

 

A posta en marcha dun plan estratéxico para unha institución tan ampla e diversa como unha universidade é ante todo un traballo de reflexión conxunta de todos os colectivos da institución e tamén dos axentes sociais próximos a ela. Ao longo deste proceso revisáronse os obxectivos marcados polo anterior plan así como o grao de cumprimento acadado e establecéronse unha visión e unha proxección da institución cara ao futuro. 

A través do seu Plan estratéxico, a Universidade de Vigo, no seu conxunto, ten a oportunidade de fixar onde e como se desexa ver dentro de cinco anos e de definir as políticas e as medidas que se deben implantar para facer realidade ese obxectivo . 

  • Misión

    Contribuír á mellora da vida das persoas e da súa contorna socioeconómica a través da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento.
     
  • Visión

    A Universidade de Vigo é una institución pública, autónoma, aberta ao contorno e con vocación internacional, que promove a igualdade, a pluralidade, a accesibilidade, a sostibilidade, a transparencia, o progreso económico e o benestar social de Galicia. 

A institución persegue este reto mediante unha ensinanza e unha investigación de calidade coas que contribuír á creación e á transferencia do coñecemento ao tecido socioeconómico e empresarial, á formación integral das persoas, ao desenvolvemento, á innovación e ao crecemento intelectual da sociedade pluricultural e plurilingüe na que se insire.

Pretende ser unha universidade caracterizada por un goberno transparente e participativo, centrada na satisfacción integral do estudantado e do persoal, na captación de talento e nun maior grao de recoñecemento internacional no ámbito das humanidades, xurídico-social, das ciencias experimentais, das ciencias da saúde e da enxeñaría. 

Os traballos de preparación do plan comezaron o 6 de febreiro de 2019 coa aprobación no Claustro Universitario do seu procedemento de elaboración. Estes remataron coa súa aprobación definitiva polo Claustro o 16 de decembro de 2020, polo Consello de Goberno o 21 de decembro de 2020 e polo Consello Social o 23 de decembro de 2020.

A comisión de seguimento do Plan estratéxico leva a cabo un seguimento anual do desenvolvemento e implementación das accións estratéxicas e do grao de consecución dos obxectivos incluídos no documento. A súa composición e funcións están recollidas no propio plan.

Os informes de seguimento presentados ante o Claustro cada ano pódense descargar a continuación:

O procedemento de elaboración do Plan estratéxico aprobado polo Claustro incluíu as seguintes fases:

  • Fase 1: Análise estratéxica: o responsable será o Claustro a través do seu comité de dirección
  • Fase 2: Formulación estratéxica con traballo dos comités específicos
  • Fase 3: Validación
  • Fase 4: Debate e de aprobación primeiro no Claustro, despois polo Consello de Goberno e, finalmente, polo Consello Social

O Plan estratéxico está dirixido por un comité de dirección nomeado polo Claustro. Presidido polo reitor, este comité elaborou a proposta do texto aprobado polos diferentes estamentos. Para aumentar a participación dos axentes internos e externos, así como para poder cubrir en detalle os diferentes aspectos da universidade, o comité director propuxo a creación de tres grupos de traballo ou comisións específicas:

  • Comisión 1: Organización académica, titulacións e internacionalización
  • Comisión 2: Investigación, transferencia e cooperación internacional
  • Comisión 3: Infraestruturas, xestión, relación co entorno e sostibilidade

Cada unha destas tres comisións está formada por membros do actual Equipo de Goberno, axentes da universidade directamente implicados (administradores/as, xefes/as de servizo, IP de grupos de investigación etc.), representantes do PDI, do PAS e do estudantado, do Consello Social e da sociedade. 

O traballo feito polas comisións foi posteriormente revisado e integrado polo comité de dirección quen, o 13 de outubro, elevou unha primeira proposta ao Claustro que acordou a súa exposición pública durante un mes parar recibir as achegas de toda a comunidade universitaria.

Unha vez recibidas, revisáronse e debatéronse todas as achegas que na súa maioría se incorporaron ao documento que se propuxo finalmente para a súa aprobación.

En gran medida, a elaboración dun plan estratéxico é un traballo de reflexión, de autocrítica e de innovación que só se pode facer desde a propia institución e polos seus grupos de interese. Non obstante, coma parte esencial deste traballo, é imprescindible a busca e o emprego de referentes externos, indicadores, informes etc. Algúns deles son: