Vice-Rector for Research, Transfer and Innovation

This content is currently not available in English

Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación

 

Belén Rubio Armesto é catedrática de Estratigrafía no Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo desde 2009. Profesora da Universidade de Vigo desde 1991, impartiu clases de grao, mestrado e doutoramento. Dirixiu seis teses de doutoramento e 13 traballos de fin de grao, mestrado e licenciatura.

Como investigadora, pertence ao Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, no que centra o seu traballo no estudo da sedimentoloxía dos medios mariños costeiros e profundos, con énfase na contaminación por metais, os cambios diaxenéticos e a evolución paleoambiental e paleoclimática. Con cinco sexenios de investigación e un de transferencia, participou en máis de 30 proxectos de investigación, en nove deles como investigadora principal, nos ámbitos autonómico, nacional e europeo, así como nuns 20 contratos con empresas. Ten publicados máis de 100 traballos científicos (artigos en revistas, capítulos de libros etc.), máis da metade en revistas JCR. Participou en máis dunha ducia de campañas oceanográficas e conta con máis de 200 contribucións a congresos.

No ámbito da xestión, foi decana da Facultade de Ciencias do Mar (2013-2018). Desde 2013 está activamente implicada como membro do Consello de Goberno da Universidade de Vigo. Foi secretaria da Conferencia de decanos e decanas de ciencias do mar desde a súa constitución en 2015 ata xuño de 2018. Tamén foi secretaria do departamento durante máis de 12 anos. Desde 2018 é vicerreitora de Investigación, membro do comité executivo da CRUE de I+D+i e coordinadora da súa Rede Divulga.

Participou en comisións de avaliación de proxectos, profesorado, bolsas etc. Ten experiencia na organización de congresos, seminarios, xornadas e participou na organización de nove congresos internacionais, un deles como coordinadora. É revisora habitual de artigos en revistas do JCR, no campo das xeociencias e das ciencias ambientais.

  • O deseño e a implantación de políticas que fomenten a investigación de excelencia e a súa transferencia ao tecido socioeconómico, así como a súa difusión á sociedade a través da Unidade de Cultura Científica en colaboración coa Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.
  • A promoción, avaliación e recoñecemento das actividades de investigación e de transferencia de coñecemento en todos os ámbitos da Universidade de Vigo.
  • As relacionadas coas diferentes convocatorias de axudas e de bolsas de investigación e de transferencia.
  • As relativas á Biblioteca Universitaria e ao Servizo de Publicacións.
  • As de realización de propostas de equipamento de centros de investigación e as de xestión e coordinación dos recursos de investigación.
  • As correspondentes aos institutos universitarios, centros de investigación e agrupacións estratéxicas de investigación.
  • A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación e transferencia, tanto no ámbito nacional como internacional.
  • As relacionadas con contratos, informes e cursos do artigo 83 da LOU.
  • As referentes á transferencia de tecnoloxía e á valorización e protección de resultados.
  •  As correspondentes á Oficina de I+D, á Oficina de Proxectos Internacionais e as relacións con outros centros de I+D, en coordinación coa Vicerreitoría de Internacionalización.
  • As relacionadas cos parques tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, en coordinación, de ser o caso, coas vicerreitorías dos Campus de Ourense e de Pontevedra.
  • As relacionadas coa potenciación de plans de formación para empresas, institucións e profesionais.
  • As relacionadas con cátedras e aulas provenientes da relación universidade-empresa, en coordinación coa Vicerreitoría de Relacións coa Empresa.
  • As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus do Mar e Campus Vigo Tecnolóxico, ademais das relativas aos campus de especialización Auga en Ourense e CREA en Pontevedra, en coordinación coas vicerreitorías dos Campus de Ourense e de Pontevedra, dentro do marco das políticas xerais que a universidade defina para os seus campus de especialización.
  • As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

 

Axenda

 

Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 597
vicinv@uvigo.gal