As xornadas organizadas por Agaxede centraranse nas novidades normativas que afectan ao sector

Un congreso afondará na xestión deportiva como opción profesional de futuro para os novos titulados

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá tamén este sábado a final das Olimpíadas

Tags
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 03/04/2014

“Un campo atractivo e con percorrido para converterse nunha das principais saídas profesionais das tituladas e titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte”. Así ve o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Óscar García o mundo da xestión deportiva, o sector profesional que centrará o debate que este sábado se desenvolverá no centro, sede do V Congreso Galego de Xestión Deportiva, unha xornada organizada pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) e patrocinada pola Deputación de Pontevedra na que estudantes e profesionais poderán coñecer as principais novidades normativas que afectan a esta área en ámbitos como a calidade ou a seguridade.

“A xestión deportiva é un campo tradicionalmente pouco explotado polos nosos egresados”, recoñece García, vicepresidente do Comité Organizador dun congreso que, ademais de reunir a profesionais de toda Galicia, pretende servir tamén para complementar a formación do alumnado nun ámbito laboral con futuro, o relativo á dirección e xestión de instalacións, entidades ou servizos deportivos. Por iso, a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, incide na importancia de que este centro acolla un evento “no que o alumnado poderá obter uns coñecementos moi relevantes para a súa vida profesional”. Neste senso, Óscar García incide en que máis alá de “coñecer ben o produto co que traballas, o deporte neste caso”, as persoas que pretendan orientar a súa carreira profesional a este ámbito precisan tamén outra serie de ferramentas, que lles outorguen capacidade de xestión, como “saber que é unha conta de resultados, medir o nivel de satisfacción do usuario ou saber como xestionar logo esa satisfacción”.

Unha xornada de actualización

Como un “congreso de actualización informativa, aberto a todo aquilo vinculado coa dirección e xestión de instalacións, eventos e actividades”, presenta Eduardo Blanco, presidente do Comité Organizador e de Agaxede, un evento que leva por título Novidades na xestión deportiva. Neste senso, na relación de relatorios que se sucederán ao longo da xornada destacan cuestións como a aplicación da normativa europea de calidade UNE-ISO 21500 aos proxectos deportivos, sobre a que falará Gerardo Malvido, representante da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR). Así mesmo, no congreso tamén se abordará como afecta a Lei de racionalización das entidades locais á xestión deportiva municipal e os cambios que podería supor en materia de seguridade a Lei galega de espectáculos públicos, que actualmente se está a tramitar e que permitiría definir “que medios de seguridade son precisos para ofrecer un espectáculo deportivo, algo que ata o de agora non estaba regulado e dependía do bo facer do xestor”, explica García.

Relatorios sobre as empresas de adestramento persoal, as ferramentas para a xestión económica no ámbito deportivo e sobre o novo real decreto de criterios técnico-sanitarios das piscinas comunitarias completan o programa desta xornada, na que Agaxede agarda reunir a máis dun cento de persoas, segundo estima Eduardo Blanco. Así mesmo, tralo remate do congreso a facultade acollerá tamén unha reunión da Federación de Asociaciones de Gestores Deportivos de España (FAGDE).

Un sábado intenso na facultade

O Congreso de Xestores Deportivos non será a única actividade que este sábado se desenvolva en Ciencias da Educación e do Deporte, xa que entre as 9.30 e as 13.30 horas este centro será tamén o escenario da final das Olimpíadas no Recreo, unha iniciativa do Concello de Pontevedra e a Federación de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA), na que participan preto de 100 nenos de cinco centros de ensino de cidade, que compiten en probas vinculadas ao deporte, á química ou á saúde.