O Laboratorio de Arqueoloxía realiza unha campaña de conservación e escavación no complexo rupestre
Armea protexe os seus tesouros do inverno
O obxectivo é evitar o deterioro do espazo á espera de volver a intervir nel o vindeiro verán
Este verán os investigadores do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo traballaron descubrindo as estruturas rupestres que agocha o Monte do Señoriño en Armea-Santa Mariña de Augas Santas no marco dun proxecto de posta en valor deste complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural. Rematou o verán e continuou o traballo no laboratorio pero, a ceo descuberto, o complexo arqueolóxico precisa dunha continuidade de coidados que garantan o seu mantemento. Con este obxectivo, un equipo de catro técnicos desenvolven estes días unha campaña de conservación e escavación que permita a Armea sobrevivir axeitadamente ao inverno ourensán.
“Durante dúas semanas estaremos realizando en Armea unha intervención de conservación, de limpeza e de restauración dos muros descubertos, para que soporten as inclemencias do tempo, e de recheo e de drenaxe de zonas para evitar os asolagamentos”, destaca Adolfo Fernández, director da intervención. Aproveitando a estadía no complexo, os técnicos do laboratorio tamén están a realizar un traballo de escavación entre dúas das estruturas descubertas, concretamente entre o sector que une os socalcos inferior e intermedio.
Continuando os traballos
Nos traballos, financiados polo Concello de Allariz, participan dous arqueólogos do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, un restaurador e un técnico de apoio. Das tarefas que están realizando, Fernández destaca a súa importancia para evitar que o inverno deteriore as evidencias construtivas non rupestres que teñen localizadas na zona e para que os investigadores poidan continuar o estudo do complexo en futuras intervencións. Deste xeito, o director da intervención arqueolóxica explica que precisamente estas estruturas non foron tapadas porque non sería operativo cubrilas agora e volver a ter que abrilas o vindeiro verán, cando agardan repetir a campaña realizada en 2011.Alén deste traballo de escavación e conservación, os arqueólogos aproveitan a visita ao complexo para probar e mellorar algúns métodos de rexistro e documentación de todo o xacemento, como son a restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, o levantamento topográfico do outeiro e a xeración dun SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna. Mentres tanto, o traballo de análise da información e materiais recollidos na campaña de verán continúa nas oficinas do Laboratorio de Arqueoloxía no campus de Ourense intentando profundar no coñecemento deste lugar.