Con actuacións o mércores e o xoves

Espiquinclaun e Faltriqueira poñen o broche de ouro á Intercultural

Tras catro meses de éxitos, o programa reanudarase o vindeiro curso

Tags
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 27/05/2008

Tras catro meses de actuacións culturais ininterrompidas e marcadas pola súa varideeda, a Intercultural remata esta semana coas actuacións do dúo humorístico Espiquinclaun e do grupo de música folk, Faltriqueira. O programa, que naceu con motivo do Ano Europeo do Diálogo Intercultural para dar unha visión global do que se está a facer fóra das aulas, contou con catro bloques temáticos nos que se realizaron actividades musicais, divulgativas, proxeccións audiovisuais e outras determinadas polos escenarios. Grazas a estas actividades, o campus converteuse ao longo do segundo cuadrimestre nun referente da vida cultural da Universidade de Vigo e da cidade de Ourense.
Tralo éxito acadado, a Intercultural despídese só por uns meses xa que volverá despois do verán con novos folgos para seguir ofrecendo o mellor do panorama artístico en Galicia e dinamizando a vida dos estudantes e cidadáns ourensáns.

O humor de Espiquinclaun

Como non podía ser doutro xeito a Intercultural di adeus por este curso con dous pratos fortes. Por unha banda, o mércores 28 de maio ás 20.00 horas no Edificio de Ferro, o dúo cómico Espiquinclaun ofrecerá o espectáculo Os ciclos da vida no que ao longo dos escasos 45 minutos que dura, Iago López e Fernando González parodiarán o amor, o sexo e a morte. “Somos clowns que saímos ao escenario vestidos con camisa branca, pantalón negro e nariz de pallaso” explicou Iago López. Ao longo dos tres sketches dos que se compón a actuación mestúrase o humor branco e infantil con outro para adultos. Por exemplo, “no primeiro deles rímonos da historia de Romeo e Xulieta, facendo unha homenaxe" pero á inversa, no segundo abordamos a iniciación no sexo dende a malvada visión de dous adolescentes moi nenos” dixo, e por último, “finalizamos cunha mirada sobre a morte moi infantil” engadiu.
Todo o espectáculo estará acompañado pola música, nunha función que xa leva dous anos xirando polos bares e que xa veu ao campus nos seus comezos, “cunha gran aceptación. Non queremos transmitir nada, só facer rir e creo que o conseguimos” concluíu o clown.

A música de Faltriqueira

O grupo Faltriqueira será o encargado de pór o punto e final á Intercultural. Por medio das voces das súas catro compoñentes, cargadas de sensibilidade, a aula multiusos do Edificio de Ferro encherase de notas tradicionais mesturadas cos ritmos máis refrescantes do panorama actual tanto de Galicia como doutras latitudes. Faltriqueira presentará ademais, Effecto, o seu último disco, no que coexisten temas de distintas orixes etnográficas, sen perder de vista as súas propias raíces.
A actuación está enmarcada no Circuíto 4x4 posto en marcha pola Consellería de Cultura e Deporte, por medio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural para o fomento da música galega.