O equipo de xadrez, campión de liga despois de 15 anos de dominio do Marcote

O equipo escolar, que segue líder, xa acadou o ascenso á Primeira División

Tags
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 14/04/2008

Unha fin de semana máis, os equipos de xadrez da Universidade de Vigo acadaron cadansúa vitoria na liga regular rivalizando entre eles no que a bos resultados se refire. O equipo da División de Honra impúxose ao Arteixo A na derradeira xornada da competición regular, proclamándose así campión destes categoría, cun punto de vantaxe sobre o segundo, o Marcote A, equipo que foi o claro dominador do xadrez galego nos últimos dez anos.
Co pase á Final a Catro xa asegurado, os universitarios precisaban acadar un mínimo de 4.5 puntos para manterse no primeiro posto e rematar a fase regular sendo líderes. Así os xogadores capitaneados por Pablo García realizaron un dos mellores encontros da tempada vencendo ao Arteixo A por 1 a 5. As vitorias viñeron da man de Ramón Garza, do propio Pablo García e de Roberto Páramos que destacaron por realizar partidas rápidas e con clara superioridade. Pola súa banda, Rafael Rodríguez e Miguel Senlle sumaron dous empates, pero foi Manuel Pena, que se enfrontou á partida máis longa e complexa da xornada, o que lle deu o punto definitivo e a vitoria final ao equipo da Universidade.

Final a Catro

Coa liga xa rematada, a vindeira cita para o equipo universitario será o 26 de abril ás 17 horas no primeiro enfrontamento da Final a Catro no que se medirán ao Padrón A, cuarto clasificado ao que xa venceron na fase regular por 4.5 a 1.5. Con todo, o partido non semella nada sinxelo, xa que os seus rivais poderán contar con tres mestres internacionais do Uruguai, que non tomaron parte nos encontros da liga. A outra semifinal enfrontará ao Marcote A co Círculo Ferrolán de Xadrez.
Os vigueses xogarán como locais tanto a semifinal como a final, no caso de clasificarse, de xeito que as partidas terán lugar na Aula de Xadrez do Servizo de Deportes con acceso libre e de balde para o público. Ademais, hai que salientar que ao rematar líderes da fase regular, os universitarios parten coa vantaxe de que en caso de empate 3 a 3 favorece ao equipo con mellor clasificación na xeral.

O equipo escolar ascendeu á Primeira División

Pero a fin de semana trouxo tamén a boa nova do ascenso do Universidade de Vigo-Xadrez Galego á Primeira División Galega. Os escolares, que seguen loitando por rematar a liga como líderes da clasificación, xa obtiveron matematicamente o ascenso ao imporse ao Padrón B.
As vitorias foron para Xosé Luís Cebrián, Daniel Vila e Samuel Villar e Rubén Alonso obtivo un empate. Trátese dun contundente resultado contra un equipo nada frouxo, xa que é terceiro clasificado na fase regular. Deste xeito, o segundo equipo do club da Universidade de Vigo fai maior a súa diferenza particular co segundo clasificado, o Breogán A, co que loita directamente polo título de Campión da Segunda División.
A vindeira xornada o equipo escolar medirase ao EXP B pontevedrés, un dos implicados na loita por eludir o descenso, co obxectivo fixado de non fallar e manter o liderato.