Iria Aboy, cabeza de lista do BNG ao Senado:

“A universidade debe ser un servizo público, cun sistema de bolsas e axudas que permita o acceso a toda a cidadanía”

Na segunda xornada do ciclo de conferencias “Política na Educación”

Tags
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 04/03/2008

Do mesmo xeito que se celebra un debate electoral entre os candidatos á presidencia, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación organiza o seu propio cara a cara co ciclo de conferencias Política na Educación, na que os principais partidos da nosa comunidade amosan as súas propostas no eido da formación para a vindeira lexislatura. Tras escoitar na primeira xornada a Domingo Tabuyo, o número tres nas listas do PSOE para o Congreso, o segundo relatorio veu da man de Iria Aboy, a cabeza de lista do BNG ao Senado. Nesta ocasión a candidata nacionalista centrou o seu discurso na aposta do seu partido por acadar “unha universidade que sexa un servizo público”, segundo subliñou a que actualmente é secretaria xeral de Galiza Nova. Na mesma liña, a candidata ao Senado por Pontevedra remarcou que “o ensino universitario debe ter un carácter público, onde se respecte a súa autonomía e conte cun financiamento suficiente, cun sistema de bolsas e axudas que permitan o acceso a toda a cidadanía, evitando a privatización á que todos os gobernos a queren conducir”.
Nos vinte minutos que ten cada conferenciante para expor os principais puntos do programa electoral, Iria Aboy tamén falou do incremento das taxas xa que, segundo explicou, “cada vez o prezo da matrícula que ten que pagar o estudante é maior e no BNG pensamos que esta situación debe mudar, para iso propoñemos unha nova política co obxectivo de conxelar a suba que se ven producindo nos últimos anos”.
Respecto ao ineludible tema do Espazo Europeo de Educación Superior, Aboy comentou que a aposta é emprender unha converxencia real con Europa, nas súas propias verbas, “a adaptación ao EEES será doada se contamos co financiamento axeitado, para que as universidades galegas poidan adaptarse do mesmo xeito que as do resto do país”.
Xa no remate da intervención e despois de falar doutros temas que afectan principalmente aos universitarios como o transporte, o ensino en galego ou o novo sistema de acceso á administración pública, a representante do BNG fixo tamén alusión a tan soada fuga de cerebros, subliñando a aposta do seu partido por crear unha universidade que “sexa un motor de desenvolvemento de Galicia, dos sectores produtivos básicos e do eido das novas tecnoloxías”.
Nesta ocasión a conferenciante foi recibida polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, quen exerceu de moderador no posterior debate entre a candidata e o resto dos participantes. Pola súa banda, o responsable do centro amosou a súa satisfacción coa iniciativa por parte dos alumnos de acoller este ciclo de debates con motivo das eleccións do 9 de marzo.

Para rematar, o turno do PP

As xornadas Política na Educación rematarán mañá, mércores 5 de marzo, co relatorio de Ana Pastor, a primeira candidata do Partido Popular ao Congreso en Pontevedra. Ás cinco da tarde e acompañada polo decano do centro, Alberto Pena, exporá aos asistentes as principais accións que o PP propón en materia de educación para a vindeira lexislatura.