O Servizo de Deportes ultima os preparativos para comezar os campionatos PDI-PAS

O prazo de inscrición péchase o vindeiro 15 de febreiro

Tags
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 08/02/2008

Un ano máis, o Servizo de Deportes pon en marcha os campionatos PDI-PAS dos que sairán os representantes da Universidade nos Campionatos Galegos e de España Universitarios para esta categoría. A competición dará comezo o 25 de febreiro, polo que o período de inscrición permanecerá aberto ata o día 15 deste mes.
O calendario, que se estenderá ata o 16 de maio, comprende as modalidades de bádminton, baloncesto, fútbol sala feminino e fútbol 7 masculino. Os torneos de cada un destes deportes desenvolveranse mediante un sistema de liguiñas e contarán cunha fase final, no campus de Vigo, na que participarán os primeiros clasificados de cada campus.

Ser persoal da Universidade, imprescindible

As condicións para tomar parte nestas competicións céntranse principalmente en ser persoal da Universidade de Vigo, xa sexa persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador ou persoal contratado para o desenvolvemento de proxectos de investigación ou a través de programas ou subvencións da propia
Universidade, de outras universidades ou de organismos públicos, sempre
que exista unha relación contractual coa Universidade de Vigo.
No que se refire ao desenvolvemento da competición, os partidos xogaranse prioritariamente ao mediodía, entre as 14:00 e as 16:00 h e cada equipo xogará como local no seu propio campus. Para poder inscribirse nestas competicións, os combinados deberán contar cun número mínimo e máximo de integrantes. Para o bádminton deberán ser un ou dous xogadores, no baloncesto e no fútbol sala feminino entre 7 e 12, e no fútbol 7 masculino entre 10 e 16. Nas tres primeiras modalidades a competición comprenderá unha liguiña e unha fase final por eliminación entre os mellores de cada campus. Pola contra, no fútbol 7 masculino celebraranse dúas fases, unha de campus e unha fase final na que participarán 4 equipos: un de Pontevedra, outro de Ourense e dous de Vigo.
O gañador de cada modalidade será o representante da Universidade de Vigo nos Campionatos Galegos Universitarios, nos Campionatos de España, ou en calquera outra competición interuniversitaria na que a Universidade participe e que sexa específica para PDI e PAS.
No caso de que a participación sexa con máis de un xogador ou equipo a orde de selección quedará establecida tamén polo resultado da clasificación final desa modalidade.

A inscrición, ata o 15 de febreiro

O período de inscrición para as catro modalidades que conformarán os campionatos estará aberta ata o vindeiro 15 de febreiro. Os interesados deben entregar a folla de inscrición de xogadores no Servizo de Deportes do campus de Vigo, ou ben facelo por fax ou por correo electrónico.
O regulamento e a folla de inscrición poden consultarse na páxina web do Servizo de Deportes.