Dentro dos compromisos da UE para cambiar o panorama enerxético

A Comisión Europea incorpora o Plan SuMA á campaña "Enerxía Sostible"

Tags
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/02/2008

O Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente da Universidade de Vigo (Plan SuMA), ven de ser incorporado pola Comisión Europea á campaña Enerxía Sostible que ten como finalidade acadar os obxectivos da política comunitaria nos ámbitos das fontes de enerxía renovables, a eficiencia enerxética, transporte limpo e combustibles alternativos.
Estruturado a través de sete programas xerais que engloban temáticas relativas á enerxía, residuos, contorno natural, patrimonio, colaboración coa sociedade e fomento da sensibilidade ambiental, o Plan SuMA presenta novas iniciativas ao tempo que integra accións que na actualidade xa se están a desenvolver na Universidade de Vigo no ámbito da eficiencia enerxética, a implantación de enerxías renovables, o respecto ao medio natural e o desenvolvemento sostible.

Compromiso europeo coa sostibilidade

Co obxectivo de lograr unha maior sensibilización da poboación e fomentar a produción e uso sostible da enerxía entre cidadáns,empresas privadas e institución públicas, axencias, asociacións industriais e ONG,s, a campaña Enerxía Sostible para Europa 2005-2008, fomenta accións nun total de nove áreas: xeográficas como rexións, cidades ou zonas rurais; transporte; edificios; sistemas de alumeado e electrodomésticos; países en vías de desenvolvemento e comunicación.
Actuacións ás que contribúe unha ampla rede de parceiros, entidades asociadas á campaña Enerxía Sostible que son considerados pola Comisión Europea como aliados clave en pro da implementación de modelos de desenvolvemento no ámbito da enerxía sostible en toda Europa.

A Universidade de Vigo tamén SuMA

Axencias de enerxía ou medioambientais, institucións e organizacións encargadas da xestión de programas no ámbito do desenvolvemento sustentable, asociacións industriais e profesionais e incluso ONG,s, son as entidades que contribúen á campaña a través da súa rede de contactos e a súa reputación na súas respectivas áreas de traballo.
Deste xeito o Plan SuMA da Universidade de Vigo incorpórase a unha ampla rede de parceiros da que forman parte entidades públicas e privadas dunha trintena de países, entre eles España con programas promovidos por organismos como os gobernos rexionais de Valencia, Canarias ou Cantabria, concellos como Barcelona, Segovia ou Motril e axencia de enerxía de Xixón, Sevilla, Xaén ou Vigo.
Aprobado polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo o pasado mes de decembro, o Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente 2007-2009, engloba todas as actividades da Universidade de Vigo no ámbito da eficiencia enerxética, implantación de enerxías renovables, respecto ao medio natural e desenvolvemento sostible, promovendo unha imaxe inequívoca de espazo ecolóxico sostible que acolla propostas técnicas, urbanísticas e artísticas relacionadas con valores ambientais e innovadores dos campus da Universidade.