Nun curso promovido pola Área de Innovación Educativa

O docentes actualizan os seus coñecementos sobre os orzamentos do Estado e da Xunta

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 29/01/2008

O curso Novidades Lexislativas nos Orzamentos do Estado e da Xunta de Galicia enmárcase dentro das accións formativas institucionais da Universidade de Vigo que organiza a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da Área de Innovación Educativa. O obxectivo do devandito curso é que os docentes acaden un coñecemento teórico- práctico dos principais cambios para o ano 2008 en materia fiscal e de orzamentos en Galicia e en España.

Novidades fiscais e de orzamentos para 2008

Alberto Vaquero, profesor de Economía Aplicada e un dos directores do curso xunto con Santiago Lago, comentou que “está especialmente indicado para os docentes de Economía Pública e Dereito Financeiro e Tributario en titulacións como Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Dereito ou Xestión e Administración Pública” dixo, e engadiu que “as 10 prazas ofertadas xa están cubertas, incluso houbo que amplialas”.
Ao longo das 8 horas das que consta o curso, que terá lugar os días 30 de xaneiro e 13 de febreiro no Edificio Xurídico Empresarial, “os participantes analizarán as principais actuacións en materia fiscal e de orzamentos para este ano e as previsións para os vindeiros, así como as reformas impositivas e os ingresos en España e Galicia” explicou Vaquero.
Os encargados de impartir o curso serán Regina Losada Trabada, directora xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda, e Luis Sánchez Seco, delegado da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Ourense do Ministerio de Economía e Facenda.