Na última xornada do curso de Enerxías Renovables

Máis de 50 alumnos da EUET Forestal visitan a fábrica de Ence en Pontevedra

Tags
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 10/12/2007

Máis de 50 alumnos da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal visitaron as instalacións de aproveitamento enerxético de residuos forestais da fábrica de Ence en Pontevedra, para por punto e final ao curso de Enerxías Renovables e Medio Ambiente que se celebra desde o pasado 22 de outubro. Nun recorrido polas zonas de descortizado, astillado, secado, combustión, tratamento de gases, tratamento de augas e residuos sólidos, os estudantes puideron ver nun caso real todos os conceptos e as leccións que lles impartiron no transcurso do seminario.
"Este ano clausuramos o curso coa visita á fábrica de Ence, pioneira na produción de enerxía eléctrica a partir da combustión de residuos madeireiros, xerando neste proceso a cantidade de 40 megavatios (MW)”, comentou o membro da organización do curso, Brais Alonso Bargiela.“Considero que este tipo de iniciativas para achegar o mundo da biomasa aos estudantes de enxeñarías de Galicia son moi positivas e terán un gran valor no futuro. O apoio decidido en estes temas por parte da Cátedra Ence e o convencemento de que a EUET Forestal está formando a futuros profesionais en enerxías renovables, son de gran importancia para nos como organizadores de este curso”, explicou Alonso.
Ao longo de todas as xornadas, abordáronse temas cun contido de gran actualidade como é o caso da biomasa coma fonte de enerxía e, concretamente, da biomasa forestal, unha materia na que Galicia é unha comunidade privilexiada, xa que nela prodúcese a metade de toda a produción de madeira do estado español.

Clausura e entrega de diplomas

Finalizada a visita á fábrica de Ence, os alumnos acudiron á entrega dos diplomas que acreditan que, durante máis de seis semanas, traballaron e asistiron periodicamente ás xornadas e actividades que deron contido ao curso.
No acto de clausura, que tivo lugar na propia sede de Ence en Pontevedra, estiveron presentes o director da escola, Luis Ortiz e o director da fábrica Félix Pérez Gayol.