O grupo de Xoel López encheu o Teatro da Cidade Universitaria
Deluxe marca o inicio da programación cultural co “Fin de un viaje infinito”
Tras meses de xira, Deluxe recalou no Teatro da Cidade Universitaria co seu Fin de un viaje infinito, un traballo no que priman as letras, os sentimentos...en definitiva, a beleza das cancións.
O concerto, que abriu a programación cultural da Universidade de Vigo para o primeiro cuadrimestre, encheu o Teatro Universitario, con decenas de estudantes que se deron cita para disfrutar da música do grupo que lidera Xoel López.
Un concerto "moi interesante"
O músico coruñés aseguraba que actuacións como esta no campus “son moi interesantes para os artistas, aínda que a priori se dirixan xa un público, cunha idade comprendida entre os 16 e os trinta e tantos, que, en principio, tería como destinatario a música de Deluxe”. Ademais para Xoel López, tocar a partir das 18:30 horas, considera que “serve para romper a rutina dun grupo que temos fama de tocar sempre moi tarde”.Despois dunha xira de varios meses por escenarios de España, Deluxe viaxará a varios países de América do Sur, para regresar en decembro de novo a España para seguir as actuacións.Referencia no panorama do pop nacional desde a publicación do seu primeiro traballo en 2001, Deluxe, volveu deixar mostra neste concerto ofrecido no campus vigués, da rotundidade do seu directo a través da interpretación de temas do seu último disco, pero tamén de traballos anteriores.
A programación cultural da Universidade de Vigo continuará o día 30 coa actuación do grupo de teatro Abigail Collins que representará no Centro Comercial a obra Une femme exposeé