Vigo foi a única universidade española na pasarela internacional da Graduate Fashion Week de Londres

Esdemga exhibe o seu talento nunha das capitais mundiais da moda

A titulación estivo representada pola colección de José Cortizo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/06/2018

51 universidades e escolas de moda de 21 países estiveron representadas este mércores na pasarela internacional da 27 edición da Graduate Fashion Week, o evento no que máis dun milleiro de estudantes e graduados e graduadas das principais universidades e escolas británicas presentan os seus proxectos e que se completa cun desfile internacional na que a Universidade de Vigo volveu ser, por segundo ano consecutivo, a única representante española. “A verdade é que a experiencia foi moi positiva, por poder compartir con moitos compañeiros a posibilidade de falar sobre educación en moda e por ver os nosos traballos ao lado de proxectos de altísimo nivel”, salienta a directora do Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) e do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico.

Preto de 30.000 persoas reúnense cada ano, segundo a organización, no Truman Brewery de Londres para participar nun evento no que, entre domingo e martes, 36 universidades e escolas de moda británicas subiron á pasarela as coleccións dos seus mellores estudantes e graduados e graduadas. Evento que, na súa xornada de peche completábase cunha pasarela internacional, a Swarovski International Catwalk Award, na que Esdemga repetía presenza por segundo ano consecutivo. “O desfile foi moi ben, estivo moi ben estruturado, porque eramos moitas máis universidades que o ano pasado”, explica Dopico desta pasarela internacional na que o premio final foi para a alumna do Beijing Institute of Fashion Technology Danqi Chen, e na que a titulación da Facultade de Belas Artes estivo representada por Weekend Lovers, a colección coa que o titulado Jose Cortizo lograba o primeiro premio na última edición de Debut, a pasarela na que o alumnado destes estudos presenta cada ano no Pazo da Cultura. 

A The New School Parsons de Nova York, o Bunka Fashion College de Xapón, a Shih Chien University de Taiwán, a Universidade das Artes de Berlín ou os institutos Marangoni de París e Milán figuraban tamén na nómina de participantes dun evento no que “puidemos ver traballos extraordinarios”, como salienta Dopico, que incide tamén no “bo ambiente dun backstage interesantísimo”, así como no traballo da organización en materia de comunicación e promoción do evento. “A experiencia en termos xerais foi aínda mellor se cabe este ano. Tivemos moito máis feedback da exposición e do proxecto, o traballo de Jose recibiu moito interese e tivo moita presenza en medios”, engade Dopico, que incide así mesmo en “que para Esdemga estar aquí, e volver a ser o único centro de toda España, é moi importante”. 

Unha colección seleccionada para a campaña promocional

Para un desfile que supuña a segunda presentación en público da súa colección, Cortizo seleccionou seis dos dez estilismos que integraban Weekend Lovers, unha colección masculina xurdida do seu interese tanto pola arquitectura como pola cultura tradicional xaponesa e caracterizada pola combinación de horizontalidade e verticalidade para a creación de volumes “a través da superposición, a repetición modular, o escalado de patróns e o plisado manual”. 

Definida tamén pola selección de tecidos, as tinguiduras manuais e o uso de bordados artesanais en cristal con motivos naturalistas de inspiración xaponesa, a colección que fala “dunha linguaxe delicada e feminina nunha colección masculina de gran rotundidade nas formas”, fora tamén seleccionada previamente para a propia campaña promocional da Graduate Fashion Week. Concretamente para a 2018 Talent of Tomorrow Campaign, que con fotografías de Damian Foxe a organización difundiu semanas previas ao inicio do evento e que convertían a Cortizo e á Universidade de Vigo nos primeiros participantes internacioanis seleccionados para esta iniciativa, xunto cos deseños de estudantes de seis universidades e escolas de moda británicas.

“A verdade é que foi unha grande experiencia, acabo de graduarme en novembro e ter a oportunidade de mostrarme a nivel internacional é un luxo”, salienta Cortizo da súa participación nunha pasarela que resume á vez “como un exercicio de humildade e de motivación”, por unha banda por compartir pasarela “con escolas moi potentes e alumnos moi bos” que fan “que o premio para min fose xa estar nun foro como este”, e por outra, porque “despois de todo isto hai que seguir traballando”. Nese senso, Cortizo recoñece tamén o positivo desta pasarela en termos de “difusión e promoción do meu traballo”, ao que suma tanto a presenza da súa colección na campaña promocional e nun magazine online británico nas xornadas previas, como a entrevista que onte realizou para a edición dixital de Vogue España.