A facultade celebrou o acto de graduación de Dirección e Xestión Pública

CCSS e da Comunicación despide 28 titulados e tituladas caracterizados pola súa polivalencia

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 02/07/2018

Con verbas de recoñecemento ao esforzo realizado e de ánimo no seu futuro como profesionais, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación despediu na tarde do venres á novena promoción de graduados e graduadas en Dirección e Xestión Pública, da que por primeira vez forman parte estudantes da súa modalidade semipresencial. Nun acto presidido polo reitor, Manuel Reigosa, a entrega de bandas e diplomas se combinou cunha actuación musical ou coa proxección dun vídeo con lembranzas da súa etapa pola facultade, as e os 28 integrantes desta promoción.

Ás verbas de recoñecemento de reitor, madriña e padriño, sumáronse tamén ás do decano, Xosé Baamonde, e as da coordinadora da titulación, Rosa Ricoy, quen lembrou aos novos egresados e egresadas que a súa é “unha das titulacións a nivel nacional con maior inserción laboral en menos dun ano” e un dos graos nos que titulados e tituladas teñen “maior salario medio” e maior número de contratos indefinidos, no que inflúe “que unha media do 80 por cento ten un traballo relacionado co nivel académico acadado”. Na súa intervención, Ricoy puxo en valor así mesmo a “polivalencia das competencias” que adquiren na titulación, que contribuíu a que fosen “un dos perfís máis demandados polos concellos” no Plan de Prácticas Laborais da Deputación, á vez que puxo en valor en que se trata da primeira titulación do campus en dotarse dun plan de internacionalización, ademais de contar cun convenio de dobre titulación coa Universidade de Sao Paulo, “unha das máis prestixiosas de América Latina”.

Esta novena promoción do grao en Dirección e Xestión Pública tivo como padriño académico ao profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Enrique Varela e como madriña institucional á Valedora do Pobo, Milagros Otero.