Ofértanse seis cursos, a maioría virtuais, de formación en lingua galega

A Área de Normalización Lingüística mantén aberto o prazo de matrícula para os cursos do primeiro cuadrimestre

A inscrición poderase realizar ata o 21 de setembro

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI 19/09/2018

Co obxectivo de ampliar a formación da comunidade universitaria sobre a lingua galega e de actualizar e poñer ao día os seus coñecementos, a Área de Normalización Lingüística da Universidade deseñou para este primeiro cuadrimestre do curso 2018/2019 unha nova oferta de cursos. Como vén sucedendo nos últimos anos, seguirase apostando pola modalidade virtual para facilitar a participación tanto do persoal como do alumnado, con cinco cursos en liña e un só presencial, o de extensión cultural destinado ao estudantado estranxeiro nos tres campus. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de setembro e deberase realizar a través da plataforma Bubela.

O groso da oferta de cursos impartirase de xeito virtual. Os primeiros en arrancar serán os de corrección da escrita coas TIC, de redacción de documentos administrativos e de redacción con claridade e mellora da redacción, que comezarán a docencia o 1 de outubro. Con 25 horas de duración, o curso de redacción da escrita coas TIC está destinado a persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre os recursos lingüísticos que a informática pon ao dispor da lingua galega. A finalidade é que as persoas participantes poidan coñecer diferentes ferramentas de corrección e tradución, optimizar o seu uso e achegarse a outros recursos que axuden a empregar unha lingua de calidade de maneira sinxela. Ademais poderán achegarse á realidade das linguas no contexto dixital e de comunicación global e coñecer as principais ferramentas de corrección dispoñibles para o galego, así como aprender o manexo das ferramentas básicas para corrixir, traducir e consultar dúbidas lingüísticas que nos ofrecen as novas tecnoloxías. Pola súa banda, o curso de revisión dos principais documentos administrativos que son de interese para a xestión universitaria e revisión da estrutura dos textos administrativos terá 20 horas de duración. Está destinado a persoas con formación avanzada en lingua galega, que poderán facer un repaso e actualización práctica da ortografía da lingua galega e achegarse a unha guía rápida de redacción administrativa en lingua galega. Tamén o 1 de outubro botará a andar o curso para redactar con claridade que, con 15 horas de duración, está destinado a persoas interesadas en coñecer as claves e as técnicas para redactar de forma correcta, eficaz e actual. Para iso coñecerán a utilidade de planificar e ordenar a información dos textos e reflexionar sobre as variables que inflúen na lexibilidade dun texto.

Xa a finais de outubro, en concreto o día 29, comezará o curso Galego: actualízate, que ten 40 horas de docencia para as persoas que desexen mellorar os coñecementos lingüísticos ou repasar cuestións que adoitan resultar máis problemáticas. Ao longo das semanas, as persoas asistentes achegaranse a conceptos como estándar da lingua e adquirirán coñecementos e criterios de elaboración do estándar da lingua galega e da súa normativa oficial, así como dos aspectos ortográficos necesarios para escribir correctamente en galego e adquirir os recursos precisos para corrixir os empregos incorrectos.
Finalmente, o 5 de novembro comezará o curso de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, unha opción que trata de achegar ao alumnado á competencia na composición de documentos de carácter académico, e tamén de investigación. Deste xeito mellorarase na súa expresión escrita e afondarán no coñecemento das ferramentas para organizar un documento.

Unha introdución á lingua e cultura galegas para o alumnado estranxeiro

O único curso presencial da oferta académica da Área de Normalización Lingüística e xa un clásico destinado ao alumnado estranxeiro de intercambio en Galicia. Trátase do curso de extensión cultural, de 75 horas de duración, validable por 2 créditos ECTS, no que as persoas asistentes realizarán unha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego. En diferentes módulos coñecerán a literatura, a música, o cinema, a xeografía e mesmo tradicións como o entroido, o magosto, os maios, o San Xoán, ao tempo que abordan cuestións de léxico e gramática para acadar certo dominio da lingua galega. Ademais realizaranse tres visitas culturais, a primeira delas a Tui, o castro de Santa Trega e Baiona, unha segunda ao mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa e outra ao mosteiro de Oseira, Ribadavia e o castelo de Sobroso.