Das 70 empresas implicadas, Pescanova e Finsa foron as que máis CV recibiron
A terceira edición da Finde.U pechouse con máis de 1000 participantes
Xestionáronse un total de 3500 currículos, que sumados os de Porto, acadan os 8000
Tras dous días de contactos, entrega de currículos, ponencias e obradoiros, a Finde.U baixou o pano con cifras que confirman que se está a consolidar como un referente en Galicia en canto a eventos de intermediación laboral universitaria. A Feira Internacional de Emprego desenvolveuse entre os días 23 e 24 no Ifevi de Vigo e, ao longo das dúas xornadas, pasaron polo recinto feiral máis de 1000 estudantes e persoas egresadas do sur de Galicia e o norte de Portugal que tiveron a oportunidade de ter un primeiro contacto co mundo empresarial a través das 70 empresas presentes no evento.
A Finde.U está organizada polas universidades de Vigo, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa que celebran unha edición anual virtual e outras dúas presenciais, unha en Vigo e outra en Porto. Entre estas dúas últimas participaron arredor de 3000 persoas neste 2018, polo que Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, fai unha valoración moi positiva do evento. “As cifras son mellores cas do ano pasado, tanto en participantes como en empresas e iso é moi importante” porque amosa que, tras tres anos, a feira vaise asentando en Vigo ofrecendo ao alumnado a oportunidade de contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores que se atopan na procura de persoal cualificado. A cifra total de currículos que se xestionaron en Vigo é de máis de 3500 que, sumados cos de Porto, superan os 8000. Ademais, engade Martínez, a Universidade ten constancia “de xente que xa comezou a traballar estes días grazas á súa participación na feira”, o que demostra súa efectividade poñendo en contacto as capacidades do estudantado coas demandas do tecido empresarial.
“A falta de facer o balance das cifras de currículos off-line entregados, as empresas que máis propostas recibiron foron Pescanova (131 cv), Finsa (102) ou Carrefour (92)”, ás que se suman tamén Cortizo, Borgwarner, Ence Energía y Celulosa, Maviva, Altia e Hotusa. En xeral, nesta edición houbo unha presenza destaca de empresas do sector TIC interesadas en perfís relacionados coas enxeñarías, a industria 4.0 ou a intelixencia artificial.
57 contratos no Job Day da eurorrexión centrado no sector das TIC
O programa da Finde.U incluía, entre outros eventos, a celebración do Job Day Tic, coa participación de 12 empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambos lados da fronteira. Impulsado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia norte de Portugal a finalidade era a promoción da mobilidade e a contratación de traballadores na Eurorrexión, comezando por escoitar as empresas dun sector, para comprender as súas necesidades e, a continuación, darlles a oportunidade de entrevistar a persoas con perfís adecuados aos requisitos de cada empresa. Así, as 12 empresas do sector TIC presentes no evento tiveron a oportunidade de facer unha media de 40 entrevistas a candidatos galegos e portugueses, recibir un total de 478 currículos e cubrir os postos de traballo que estaban dispoñibles. En total acordáronse nestes dous días 57 contratos de traballo, como explican dende a Agrupación Europea de Cooperación Territorial.
Con todo, as oportunidades quedan abertas para as e os candidatos, xa que a finalidade da feira é establecer relacións e contactos para futuras oportunidades e, sobre todo, coñecer as necesidades do mercado laboral para adaptar os perfís a esas demandas.