O grupo dx5 de Belas Artes promove este venres en Vigo o ciclo (Encontros) de Interacción Gráfica

Catro miradas ao que acontece entre a pantalla e o papel

No acto presentarase os libros de Juan Adrio e Kako Castro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/11/2018

Un debate aberto sobre “as fortalezas, debilidades e inconsistencias da tradución da imaxe dixital ao soporte físico” é o que propón o grupo de investigación dx5 (Digital & Graphic Art Research) nunha nova edición dos (Encontros) de Interacción Gráfica, que se desenvolverá este venres a partires das 20.30 horas na sede da produtora de arte dixital Lab-In de Vigo. Aberta a todo o público interesado, esta xornada reunirá catro miradas sobre esa transición entre a pantalla e o papel, complementadas coa presentación dos libros De la imagen al papel. Hacia la impresión perfecta. La gestión del color en el proceso artístico del S. XXI, xurdido da tese de doutoramento que o investigador Juan Adrio defendeu na Facultade de Belas Artes, baixo a dirección do investigador Kako Castro, que tamén dará a coñecer neste acto o seu novo libro Naughty Mirrors. Los espejos desobedientes, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

A fotografía, a narrativa gráfica, o deseño e a xestión da cor serán os catro eixos deste debate centrado “no que ocorre con esa parte non visible cando se traduce ao visible, ao físico”, como sinala Tatiana Lameiro, investigadora do grupo dx5 e coordinadora dun encontro que nesta ocasión se trasladan á sede dunha empresa especializada na xestión da cor, colaboradora ademais na investigación que Adrio desenvolveu para a súa tese. Coas intervencións de Castro, Adrio, Lameiro e o tamén investigador do grupo José Andrés Santiago, este encontro porá o foco en como “moitos artistas atoparon no uso das novas tecnoloxías un campo de interese e experimentación, visible tanto na obra final como no propio proceso xerador”. 

Cando a fotografía transcende á fotografía

O concepto de “ultrafotografía” será o eixo do primeiro relatorio, no que o profesor Kako Castro propón unha reflexión sobre como “o tránsito da fotografía analóxica ou química ao que é o mundo dixital” motivou que esta deixase de ser “un espello da realidade” para poder ser “calquera cousa, explorar outro tipo de mundos”, nos que a imaxe final non ten que reflectir necesariamente a realidade. Unha reflexión sobre “como transcender á fotografía” que o levou a propor ese termo de “ultrafotografía” para abordar unha disciplina que xa non pasa por ser unha “grafía da luz” senón o resultado dunhas “instrucións algorítmicas” e dun proceso posterior de edición, que fai tamén que “se dilúan os límites entre a fotografía, o debuxo e a pintuar” De aí a necesidade dun “novo termo” que centra tamén a reflexión que este investigador recolle en Naugthy Mirrors. Los espejos desobedientes, un libro no que afonda “no fenómeno do novo ethos fotográfico” nun mundo no que “cada día se soben á rede máis de 20 millóns de fotografías”, e que á súa vez se completa nesta publicación cunha serie de obras deste artista e docente.

Do cómic ao “deseño consciente”

Dentro da idea de “gráfica de campo expandido” que centra as investigacións do grupo dx5, este encontro proporá tamén unha reflexión sobre como as novas tecnoloxías o mundo dixital influíron no mundo do cómic, que é tamén un dos eixos do proxecto de investigación que desenvolven actualmente co financiamento do Ministerio de Economía. A partires deste proxecto, José Andrés Santiago proporá unha reflexión “sobre como os sistemas produtivos afectan á parte estética e como a parte estética afecta aos sistemas produtivos” nesta industria, na que, lembra, “o feito de que agora dispoñamos doutras ferramentas fixo que o que antes eran cuestións técnicas se convertan hoxe en cuestións de estilo”.

Tatiana Lameiro, pola súa banda, centrará a súa intervención no “deseño consciente”, nunha reflexión sobre “a ampliación do concepto de deseño nos nosos días, nos que se está apostando por prácticas máis sociais” vinculadas tanto coa sustentabilidade, co deseño inclusivo, co “activismo gráfico”... A idea, sinala a investigadora, é reflexionar “sobre os procesos de produción, sobre como están cambiando esas prácticas a través do deseño sostible e consciente.

A xestión da cor no traballo artístico

Editado, coa colaboración do grupo dx5, por (e)ikon Editorial, da Fundación para el Estudio de la Imagen y la Visualidad Contemporáneas de Santiago de Chile, o libro de Juan Adrio será o eixo da intervención na que este artista e profesor na EASD Mestre Mateo de Santiago afondará nos procesos de xestión da cor no campo artístico. Pensado para técnicos e expertos en fotografía, este manual aborda cuestións como o emprego da xestión de cor para conseguir os mellores resultados á hora de pasar unha imaxe numérica a un papel. Nese senso, o estudo aborda a evolución dos procesos de reprodución da imaxe a cor, centrándose “na imaxe fotográfica como impulsora e aglutinadora dos cambios que se produciron na tecnoloxía aplicada a este proceso ao longo dos anos”, para logo afondar nos sistemas de impresións máis empregados e na “aplicación práctica da xestión de cor no proceso artístico” a través da análise das obras de 115 autores e entrevistas a responsables de laboratorios de impresión artística. Así mesmo, o manual establece tamén unha relación entre a xestión de cor nos procesos fotoquímicos e nos “fotonuméricos”, á vez que analiza as similitudes e diferencias entre ambos para, finalmente, analizar “as posibilidades de xestión de cor na realización de proxectos coa imaxe fotonumérica, analizando as achegas da xestión de cor ao traballo artístico para a optimización dos resultados”.