O campus de Ourense abriu este venres as súas portas a 300 escolares da provincia

Elas tamén poden ser científicas, enxeñeiras ou tecnólogas

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Tags
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 16/02/2018

“Hai unha lista moi larga de mulleres que dedicaron a súa vida á ciencia” “todas mulleres incribles que axudaron e axudan ao desenvolvemento das ciencias, quizais algún día unha de nós tamén forme parte dese grupo”. Este é un fragmento da redacción sobre a muller na ciencia co que a nena Noa Rodríguez gañou este venres un dos galardóns do II Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nas súas palabras materialízase tamén o desexo dos centros do campus de Ourense que puxeron en marcha este certame e que este venres celebraron tamén a I Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.

A xornada estivo organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Co lema Exxperimenta en feminino, a actividade reuniu no Edificio Politécnico a arredor de 300 escolares da provincia co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as futuras xeracións facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas. Ao longo da mañá, os estudantes puideron participar en 13 actividades cun enfoque divulgativo, interactivo e ameno, que permitiron aos rapaces e rapazas asistentes desde ver microorganismos na auga ata crear pequenos videoxogos. No desenvolvemento das actividades participou persoal docente e investigador dos tres centros implicados nesta iniciativa, principalmente mulleres.

Unha iniciativa “necesaria”

“O noso obxectivo é que cando estas rapazas teñan que no futuro decidir que carreira van a estudar na súa lista tamén estea unha titulación do ámbito científico ou tecnolóxico. Polo menos que consideren esta opción”, destacou Alma Gómez, profesora promotora da iniciativa xunto ás tamén docentes Julia Carballo e Nieves Lorenzo. A necesidade de tomar a iniciativa neste eido, sinalou, nace ante o descenso que se está producindo de mulleres nas titulacións deste eido. Citando como exemplo o caso da Escola Superior de Enxeñaría Informática da que ela é subdirectora, Alma Gómez advertiu como “se hai 20 anos as mulleres representaban arredor do 30% do alumnado de novo ingreso da nosa escola na actualidade é un 10/12%. Estase perdendo o talento da metade da poboación”. Neste contexto de preocupación, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou como a posta en marcha de Exxperimenta en feminino “é unha iniciativa fantástica e moi necesaria, que ten ademais o valor de xurdir do propio profesorado de varios centros”.

Entre as investigadoras que este venres se puxeron a bata para contarlle aos escolares algunhas das cousas que fan nos laboratorio universitarios estivo Beatriz Cancho, da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Ciencias. Sendo un grupo maioritariamente formado por investigadoras, salientou a importancia de que as nenas coñezan “como a intelixencia non ten xénero” e como elas poden ter as características precisas para ser boas científicas. “Non só queremos reivindicar máis mulleres na base, nos laboratorios. Tamén é preciso que haxa máis mulleres nos cargos de responsabilidade, onde se toman as decisións”, apuntou Cancho. Entre as estudantes que percorreron os postos da xornada coñecendo o traballo que investigadoras como Beatriz Cando estaba este venres Andrea Vázquez, estudante de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria. Con ilusión, ela foi unha das que se vestiu a bata de científica e se animou a pórse no papel dunha investigadora. “Aínda non o teño claro pero gústame a física e as matemáticas e ao mellor estudo algo relacionadas con elas”, comentaba.

Galardóns do II Concurso Escolar de Debuxo e Redacción

Durante a celebración desta xornada tamén se entregaron os galardóns do II Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado polas mesmas entidades e contando coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Unha vintena de escolares de centros da provincia presentaron os seus traballos arredor do papel das mulleres na ciencia. Agradecendo aos centros a súa participación, Nieves Lorenzo destacou como o obxectivo desta iniciativa foi contribuír a que o alumnado máis novo visibilicen como as mulleres tamén forman parte da ciencia e da tecnoloxía.

En Educación Primaria, Silvia Iglesias, do Colexio Padre Feijóo-Zorelle, acadou o primeiro premio en debuxo, e Claudia Cerdeiriña, do Colexio Plurilingüe María Auxiliadora-Salesianos, o segundo premio de debuxo. Os estudantes do Colexio Padre Feijóo-Zorelle completan o panel de galardoados nesta categoría, acadando Adrián Anta o terceiro premio de debuxo; Hiba Afir o primeiro premio de redacción; David Gómez o segundo premio de redacción e Noa Rodríguez o terceiro premio de redacción. En Educación Secundaria, Francisco Fernández, do IES Xesús Taboada Chivite de Verín, acadou o primeiro premio de redacción, e Marta Gil, do mesmo centro, o segundo premio. O terceiro premio en redacción foi para Adriana Rodríguez, do Colexio Padre Feijóo-Zorelle. En debuxo, neste caso o primeiro premio foi para Carlos Cuesta, do Colegio Padre Feijoo-Zorelle, o segundo premio para Celia María López, do IES Xesús Taboada Chivite de Verín, e o o terceiro para Lauro Kavan, tamén do Padre Feijóo-Zorelle. “Fomentar que os nenos e nenas coñezan as carreiras científicas e tecnolóxicas é imprescindible e iniciativas como este concurso e a xornada de divulgación son unha boa oportunidade de facelo”, comentaba Beatriz Temes, profesora do Padre Feijóo-Zorelle, trala entrega dos galardóns.