A través dun coloquio con representantes da asociación Asem Galicia

Fisioterapia achégase ao día a día das enfermidades neuromusculares

Esta actividade enmárcase nun ciclo de charlas con diferentes colectivos e asociacións

Tags
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 20/04/2016

Máis de 60.000 persoas, segundo os datos da asociación Asem, padecen en España algún tipo de enfermidade neuromuscular, un conxunto de doenzas que teñen como característica común a progresiva afectación do sistema nervioso e unha progresiva debilidade muscular, que pode limitar moitos aspectos da vida social, laboral, educativa ou afectiva daqueles e aquelas que as padecen. Co propósito de achegar ao alumnado ao día a día dos afectados por algunha das máis de 150 enfermidades neuromusculares existentes, representantes de Asem Galicia participaron nesta xornada nun coloquio co alumnado da Facultade de Fisioterapia.

“Este tipo de actividades son moi importantes para nós, porque nos axudan a dar a coñecer a nosa problemática, a facernos visibles”, sinala neste senso Manuel Rego, presidente de Asem Galicia e un dos participantes nunha actividade promovida polo profesor Lois González Dopazo dentro dunha serie de coloquios que buscan achegar aos estudantes o día a día de diferentes colectivos, co propósito tanto de completar a súa formación co testemuño de afectados e afectadas por diferentes enfermidades como de achegalos á realidade do voluntariado e o asociacionismo. Así, tras recibir hai unhas semanas a representantes da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama Adicam, desta volta os estudantes puideron coñecer os testemuños de dous representantes desta asociación, Graciela Cortizo e César Maquieira, que xunto con Rego protagonizaron un coloquio no que houbo espazo tanto para o testemuño directo dos afectados e afectadas por este tipo de patoloxías como para afondar no traballo que vén desenvolvendo esta asociación desde 1995, así como nas necesidades das persoas ás que se lles diagnosticou algunha destas doenzas, catalogadas, como explicou Maqueira, dentro das chamadas “enfermidades raras”.

Un campo onde a fisioterapia é clave

Neste conxunto moi diverso de patoloxías hereditarias ou adquiridas, que afectan tanto a músculo e a unión neuromuscular, como ao nervio periférico ou a motoneurona espinal, o tratamento por parte dos fisioterapeutas “é esencial” para as persoas afectadas, como explica Rego. “Fainos falta como a auga, é esencial, necesitamos a fisioterapia para poder seguir movéndonos”, sinala este representante de Asem que, nese senso, incide no valor de coloquios como o desta xornada para poder achegar aos futuros e futuras profesionais “o que vivimos como pacientes desde o outro lado da barreira”.

“Non é o mesmo tratar de recuperar a mobilidade nun brazo que rompeu que nun ao que se lle está morrendo o músculo”, engadiu Rego, que incidiu na importancia de que, aínda que dentro deste grupo de enfermidades “cada unha é un mundo diferente”, os profesionais da fisioterapia conten cada vez con maiores coñecementos sobre este tipo de patoloxías. “Cada vez están máis concienciados e preparados”, recoñece Rego, que subliña a importancia de “seguir traballando para facernos visibles, para que nos teñan presentes” de tal xeito que “non sexamos un número máis, xa que detrás de cada un deses números hai unha persoa e unha experiencia”.