O persoal que impulsou este campamento foi premiado no acto institucional do Día Internacional da Mu

O Premio Uviguala recoñece a aposta pola conciliación do Campus Camp

María Álvarez Lires presentou un estudo que afonda nas dificultades que enfrontaron 20 profesoras da

Tags
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 06/03/2015

A súa propia necesidade de conciliar a vida laboral e familiar levaron a María Teresa Díaz e Raquel Iglesias a poñer en marcha no ano 2004 no campus de Ourense, un campamento de verán para os fillos e fillas dos membros da comunidade universitaria e, por eses mesmos motivos, David Basalo exportou a esa idea ao de Vigo o ano seguinte. Nacía así o Campus Camp, “un programa pioneiro de conciliación”, no que cada verán participan preto de 250 nenos e nenas e polo que estes tres integrantes do persoal de administración e servizos foron recoñecidos co III Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2015. Díaz, Iglesias e Basalo recibiron esta distinción no acto institucional do Día Internacional da Muller, que tivo lugar este venres na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde diferentes voces da comunidade universitaria incidiron na necesidade de “non dar un paso atrás” na loita pola igualdade entre homes e mulleres.

“Agora máis ca nunca necesitamos impulsar a igualdade de xénero”, salientou o reitor, Salustiano Mato, tras alertar da "involución" que está a vivir a sociedade actual na loita pola igualdade e manifestar o orgullo da Universidade por iniciativas como a premiada na terceira edición duns premios que, explicou, buscan recoñecer aquelas actuacións que contribúen precisamente á promoción da igualdade no seo da institución académica, así como “dar ao desenvolvemento de calquera actividade con perspectiva de xénero un incentivo extra, demostrando que todos os ámbitos de actuación poden contribuír á igualdade efectiva”.

Un programa xa institucionalizado

Por poñer en marcha un programa que “se consolidou no tempo e que foi aumentando o número de participantes”, por facer visibles “ás necesidades de conciliación da comunidade universitaria e ofrecer unha solución eficaz”, por organizar un programa variado de actividades que potencia a educación en valores dos nenos e nenas e pola “súa implicación persoal no bo desenvolvemento do programa”. Por todos estes motivos, relatados neste acto pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Anabel G. Penín, a Comisión de Igualdade decidiu outorgar a Díaz, Iglesias e Basalo a distinción que nesta xornada recibiron de mans do reitor, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e a decana de CCSS e da Comunicación, Emma Torres.

Tras facer extensivo este recoñecemento “ás moitas persoas que colaboraron para que este proxecto se puidese levar a cabo”, os tres representantes do PAS relataron neste acto como naceu un campamento que hoxe en día continúan coordinando, xa baixo a organización da Universidade, pero que, hai unha década, botou a andar “dun xeito completamente caseiro”, como explicou Díaz. “O que nunca pensamos é que duraría tanto tempo e moito menos que a Universidade o acabaría facendo seu”, engadiu Iglesias da iniciativa que en 2004 puxo en marcha xunto con Díaz en Ourense. “Elas foron as inventoras, eu o que fixen foi importalo”, engadiu de seguido David Basalo, que en 2005 achegou Campus Camp a Vigo e Pontevedra, aínda que neste último campus deixou de desenvolverse por falta de demanda.

As “dobres ou triplas xornadas” das profesoras

Os problemas para conciliar a vida familiar, neste caso, co labor docente e investigador, foron tamén obxecto de análise no relatorio que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires ofreceu trala entrega deste premio. A directora do grupo de investigación Ciencia, Filosofía, Xénero e Educación presentou as conclusións do informe Análise das traxectorias profesionais das mulleres na Universidade de Vigo, que desenvolveu xunto con Iria Vázquez, Carmen Armada e Xabier Álvarez Lires e no que pon de manifesto varias das “dificultades coas que se atoparon” diferentes docentes no desenvolvemento do seu labor profesional, a través dos testemuños recollidos nas “entrevistas en profundidade” realizadas a 20 profesoras.

Neste senso, este informe enmarcado no I Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade alude ás “dificultades de conciliación” e ás “dobres ou triplas xornadas” ás que teñen que facer fronte ás profesoras “para poder atender dignamente a docencia, investigación e responsabilidades familiares”; ás “barreiras relacionadas cos estereotipos de xénero” ou as dificultades para obter financiamento e publicar do PDI que introduce a perspectiva de xénero na súa investigación. Por todo isto, o informe acompañouse dunha serie de propostas de mellora como estudar as fortalezas e oportunidades que o PDI feminino, o 40% do total da universidade, supón “para o desenvolvemento da institución”, fomentar a “mentoría feminina”, estudar as boas prácticas levadas a cabo noutras institucións ou promover un “programa integral de servizos de apoio ás responsabilidades familiares”.

Por un alumnado activista

Raquel López, estudante do grao de Publicidade e Relacións Públicas, foi a encargada de pechar este acto institucional dando lectura, en nome do alumnado, a un manifesto no que se reivindicaba “un maior compromiso co movemento feminista porque, en canto á igualdade, nunca se poden dar pasos atrás”. Nese senso, López lembrou o papel xogado historicamente pola comunidade universitaria na defensa da liberdade e a igualdade. “Moitos cambios sociais viñeron da man das académicas e estudantes, polo que estamos seguras de que a formación e o activismo feminista desde a Universidade é fundamental para crecermos como sociedade”, engadía este manifesto, no que se avogaba porque todo o alumnado “ten que ser activista pola igualdade de xénero”.

“Hoxe séguensenos a negar dereitos fundamentais, intentando retroceder máis cara tempos non tan afastados”, afirmou López, en alusión ao proxecto de reforma da lei do aborto, tralo que lembrou, recitando os seus nomes, ás mulleres asasinadas o pasado ano en España, vítimas da violencia de xénero, para recalcar que a educación “pode previr e eliminar estas mortes, cambiando o sistema que o heteropatriarcado nos impón”. Por iso, defendeu que “en todas partes, o feminismo ten que estar hoxe máis presente que nunca” e reivindicou que “a Universidade é un punto clave para mudalo todo, para vivirmos en liberdade, para sermos persoas e non penes ou vaxinas”.