Os investigadores Manuel Pombal e Noé Ferreira coordinan un proxecto pioneiro en Galicia

Fotos 'roubadas' que retratan a vida da fauna silvestre do Baixo Miño

Raposos, xenetas, garduñas ou teixugos son algúns dos seus veciños nocturnos máis habituais

Tags
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/05/2014

“A natureza bule de vida, tan só precisa dun pouco de tranquilidade para amosarse”. Así describen Manuel Ángel Pombal e Noé Ferreira, investigadores da Facultade de Bioloxía e membros da asociación naturalista Anabam, a esencia do Proxecto de Investigación da Fauna Silvestre a través de foto trampeo, un estudo pormenorizado da fauna nocturna do Baixo Miño, “o traballo máis exhaustivo feito ata o momento na nosa comunidade con este método de estudo”, subliñan os investigadores, que explican que o foto trampeo consiste na toma de imaxes, tanto de vídeo como instantáneas, cun equipo autónomo que consta dunha cámara dixital, un flash de luz infravermella e un detector de movemento que activa o disparador cando rexistra a presenza de movemento, permitindo a gravación de imaxes tanto durante o día como de noite.

O obxectivo é coñecer “moito máis” desa fauna oculta que non se deixa ver doadamente durante o día e, nos poucos meses que leva en marcha o proxecto, recolleron xa curiosas e abundantes instantáneas coas que comprobar que raposos, xenetas, garduñas ou teixugos son algúns dos seus veciños nocturnos máis habituais. “O estudo da fauna xa é apaixonante de por si, sobre todo tratándose da comarca onde un vive; se a iso lle engadimos a posibilidade de analizar os desprazamentos dos mamíferos durante as 24 horas do día sen ter que capturalos nin alterar os seus hábitos e sen ter que pasar horas e horas no seu medio natural fai que este sexa un proxecto dobremente interesante”, recalca Manuel Ángel Pombal, docente da Facultade de Bioloxía e investigador principal do grupo Neurolam, que fai fincapé no “subidón de adrenalina” que experimenta cada vez que despois dunha mostraxe se introduce no ordenador a tarxeta da cámara para ver cantas fotos tomou e cales foron as especies fotografadas.

Seis cámaras e un ano de fotografías

A duración inicial do proxecto será entre un e dous anos, aínda que todo dependerá de como se vaia desenvolvendo. Inicialmente estanse a empregar seis cámaras fotográficas que se irán colocando ao longo do ano por diferentes puntos dos cinco concellos do Baixo Miño (A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui). “De todas maneiras, se somos quen de conseguir algo de financiamento externo, mercaríamos máis equipos para poder completar as mostraxes no prazo dun ano”, subliña Pombal, que explica que, de momento, o proxecto non está subvencionado polo que todos os gastos corren a cargo dos fondos propios da asociación Anabam.

De aquí a un ano procederán á toma de datos de presenza das diferentes especies ‘capturadas’ polas cámaras e da súa frecuencia, especialmente dos mamíferos carnívoros. “As cámaras estarán operativas en cada punto de mostraxe un mínimo de 5 días, utilizando como engado aceite de lata de sardiñas”, subliñan os investigadores, ao que engaden que todos os datos relacionados con cada mostraxe son introducidos nun arquivo tipo Excel.

Accións para conservar e protexer os espazos máis vulnerables

A próxima primavera, unha vez rematadas as mostraxes, comezarán coa análise de datos dos que extraerán os resultados, os cales agardan que sirvan para coñecer máis polo miúdo a biodiversidade da comarca, “particularmente a dos mamíferos carnívoros, que acostuman ser especies moi esquivas”, e detectar os posibles ‘hot spots’ de cada especie para, de selo caso, tomar as medidas que se consideren máis axeitadas cara á conservación e protección dos espazos máis vulnerables. “Despois, en función dos resultados obtidos, non descartamos a posibilidade de abordar unha segunda fase centrada naquelas zonas de maior interese dentro da comarca”, recalcan Ferreira e Pombal.

“Durante este tempo o que máis me sorprendeu foi a cantidade de animais que fai a súa aparición cando as persoas non estamos presentes”, subliña Noé Ferreira, investigador da Área de Ecoloxía, ao que Pombal engade a importancia das fotos das xenetas, as garduñas e os teixugos “xa que son animais moi fermosos pero tremendamente esquivos durante o día”. A ‘captura’ dun raposo de día, así como algunhas das pautas de comportamento dos raposos e as ratas son outros dos datos salientables destas primeiras mostraxes. “Aparentemente, os primeiros datos obtidos indican que os raposos van ser a especie de mamíferos carnívoros máis frecuente no Baixo Miño”, engade Pombal.