Día Munidal da Auga

UVigo – Social responsability agenda 2030 20/03/2020

Día Mundial da Auga

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas acordou en 1993 adoptar o 22 de marzo como o Día Mundial da Auga. Esta celebración convida a cidadanía a reflexionar e aprender sobre a importancia deste ben e a defensa da xestión sostible dos recursos.

A auga é o centro do desenvolvemento socioeconómico. Fai posible ecosistemas saudables, a produción dos alimentos e a consecuente supervivencia dos seres humanos. Ademais, forma parte fundamental da adaptación ao cambio climático, o que supón un vínculo esencial entre a sociedade e o medioambiente.

Por esa razón, a asemblea recoñece o dereito de todas as persoas a ter acceso a unha cantidade de auga suficiente para o uso doméstico e persoal (entre 50 e 100 litros por persoa e día). Este acceso ten que ser seguro, aceptable, alcanzable e accesible fisicamente. Na actualidade, unha de cada tres persoas viven sen auga potable. De acordo cos datos das Nacións Unidas, un sistema de saneamento e un subministro de auga adaptados ao cambio climático podería salvar a vida de máis de 360.000 bebés cada ano. 

A Axenda 2030 e o seu compromiso coa auga

A Axenda 2030 busca acadar un acceso universal e equitativo da auga potable e dos servizos de saneamento e hixiene adecuados. O sexto obxectivo de desenvolvemento sostible (ODS 6) establece metas que abarcan tanto os aspectos do ciclo da auga como os sistemas de saneamento. Para lograr o ODS 6 é preciso non deixar ninguén atrás, polo que cómpre prestar especial atención ás necesidades dos máis vulnerables, fundamentalmente as mulleres e as nenas. A título individual podemos contribuír a mellorar a calidade da auga a través do aumento da reciclaxe e da reutilización.

Actualmente existe suficiente auga doce no mundo para cumprir coas necesidades  de todos e todas. Porén, é preciso unha xestión eficaz e sostible dos recursos hídricos, grazas á cal poderase alcanzar unha vida digna para as persoas e un planeta sostible. A consecución deste obxectivo implica un progreso nos outros ODS, principalmente en saúde, educación, crecemento económico e medioambiente. 

A Universidade de Vigo comprometida co ODS 6

O Campus da Auga é un proxecto da Universidade de Vigo, co apoio da Xunta de Galicia, que busca converter o campus de Ourense en líder da investigación e da docencia en materias relativas á auga.

A través da xestión integral  e o aproveitamento dos recursos hídricos, Ourense convértese nun ecosistema que facilita o intercambio do coñecemento e da competitividade da provincia, dando valor á Universidade e poñendo en releve un ben tan prezado como a auga.

A Auga e o COVID-19

As Nacións Unidas recordan que o lavado de mans con xabón, cando se leva a cabo de forma correcta, é fundamental na loita contra a pandemia do coronavirus, así como na de moitas outras enfermidades. Porén, cabe lembrar que, a pesar de ser un proceso barato e efectivo para protexerse, case tres mil millóns de persoas no mundo non teñen os medios para poder facelo. Os países en desenvolvemento serán os máis afectados e a práctica de lavarse as mans con xabón vólvese crucial para previr a propagación.

Neste Día Mundial da Aguda, a ONU fomenta as publicacións nas redes sociais que apoien os nosos momentos de hixiene de mans para loitar co COVID-19 mediante os hashtags #WorldWaterDay e #SafeHands.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es