No marco do módulo Jean Monnet “La Unión Europea y la Política Social”
Unha conferencia reflexiona sobre o papel feminino nunha Europa en crise
Impartida por Alicia Gil, terá lugar este xoves ás 17.00 horas no Edificio de Ferro
As principais prexudicadas dos momentos de crise económica ao longo da historia foron sempre as mulleres e ante a complicada situación que está a vivir Europa, Alicia Gil, coordinadora e xerente da Fundación Isonomía para a Igualdade de Oportunidades da Universitat Jaume I de Castellón, impartirá un relatorio no campus para facer unha chamada á reflexión sobre o papel que o sexo feminino desenvolveu na Unión Europea ata o de agora e do futuro que lle agarda. A charla, enmarcada no módulo Jean Monnet A Unión Europea e a Política Social, organizado pola Área de Ciencia Política e a Administración, terá lugar este xoves no salón de graos do Edificio de Ferro.
Alicia Gil analizará a situación actual das mulleres europeas, afondando na análise da evolución da igualdade nas políticas europeas, ata chegar ao día de hoxe “onde desenvolverei o complicado momento de crise no que estamos e que se non se fai nada para evitalo, pagaremos as mulleres” explicou. De feito, ata o de agora “os buratos negros na economía sempre foron cubertos por nós”, polo que cómpre fomentar medidas que palíen o desemprego, a precariedade laboral ou a man de obra barata, entre outras cousas. Ademais, súmase á crise económica “a finalización das medidas comunitarias para incentivar o emprego comunitario que tiveron un grande impacto en España” co que a situación se complica e aínda que a relatora non ten a fórmula máxica para resolvela, "estou segura de que parte de que nos posicionemos para reclamar os nosos dereitos” concluíu.