Ángeles Hermida, primeira vicexerente do campus de Pontevedra
A Universidade segue avanzando co labor de descentralización dos campus
O obxectivo que se propuxo o equipo reitoral que encabeza Alberto Gago de descentralizar os campus e liberar ao de Vigo de todas as xestións administrativas correspondentes aos outros dous, segue avanzando co nomeamento da primeira vicexerente do campus de Pontevedra. A partir de agora, a institución contará coa labor de Ángeles Hermida Paredes, para desempeñar as funcións correspondentes a este posto.
A nova vicexerente reuniuse hoxe co Reitor, Alberto Gago, na compaña do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, e da actual vicexerente do campus de Ourense para concretar as primeiras actuacións e obxectivos do mandato. “O nomeamento de Ánxeles Hermida atende ao único obxectivo de descentralizar, tanto no campus de Ourense coma no de Pontevedra, o maior número posible de procesos administrativos” comentou Gago. “Fíxose primeiro en Ourense porque xa había unha persoa que reunía todas as capacidades necesarias para o posto. Agora é o turno de Pontevedra” engadiu o Reitor.
Pola súa banda, Ángeles Hermida expresou a súa gratitude e ilusión afirmando que “persoalmente é un reto co que estou moi ilusionada posto que son de Pontevedra e poder desenrolar a carreira profesional na miña cidade natal, alégrame moito. Profesionalmente tratarei de levar un pouco de modernidade á administración, axilizar procedementos e desenrolar todas as ideas que teño respecto da administración”.