Management
This content is currently not available in English

Ana M.ª Comesaña Álvarez, xerenta
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, con formación especializada en dereito sanitario, xestión universitaria e alta dirección sanitaria, Ana M.ª Comesaña Álvarez conta cunha traxectoria de máis de trinta anos na dirección de recursos humanos, relacións laborais e organización de grandes institucións públicas, especialmente no ámbito sanitario e universitario.
Ao longo da súa carreira desempeñou postos de alta responsabilidade no servizos de saúde de Galicia, Canarias e Madrid e na Universidade de Vigo, onde foi vicexerenta de Persoal entre os anos 2008 e 2010. A súa experiencia abrangue a planificación estratéxica dos recursos humanos, a negociación colectiva, a carreira profesional, a transformación organizativa e a xestión de procesos de estabilización e provisión de persoal.
Como directora xeral de Recursos Humanos do Sergas liderou importantes reformas en materia de carreira profesional, negociación sindical, igualdade, captación e retención do talento e impulsou acordos e medidas pioneiras no ámbito do Sistema Nacional de Saúde. Destaca tamén a súa experiencia na modernización dos sistemas de xestión de persoas e na coordinación de proxectos de administración electrónica.
Persoal estatutario fixo do grupo A1 do Sergas, combina a súa actividade directiva cunha intensa participación como relatora e experta en foros profesionais especializados en recursos humanos, liderado e xestión pública.
Competencias
- A xestión económico-orzamentaria da universidade, incluídas a administración de ingresos e gastos, a execución do orzamento, a autorización e disposición de gastos, o recoñecemento de obrigas económicas, a ordenación de pagamentos e a elaboración de informes de viabilidade económica e impacto orzamentario das medidas propostas polos órganos de goberno, nos termos previstos na normativa aplicable.
- O exercicio das competencias en materia de contratación administrativa e xestión patrimonial da universidade, sen prexuízo das atribucións doutros órganos universitarios.
- A dirección e xestión do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), incluídas as actuacións relativas á selección, provisión, mobilidade, formación, negociación colectiva, execución de acordos e pactos e demais actuacións derivadas da súa relación de servizos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.
- A dirección e coordinación dos sistemas corporativos de administración electrónica, servizos dixitais e soporte tecnolóxico da universidade, sen prexuízo da estratexia institucional definida pola vicerreitoría competente.
- O mantemento, conservación e xestión operativa das infraestruturas e servizos xerais universitarios, en coordinación coas vicerreitorías competentes.
- A proposta da organización e estrutura administrativa da universidade, así como a coordinación dos recursos e servizos administrativos de apoio aos órganos de goberno.
- A publicación e difusión das resolucións, instrucións e actos de xestión relativos ao PTXAS e á actividade económico-administrativa da universidade.
- A supervisión e apoio no desenvolvemento, seguimento, modificación e certificación dos procedementos de aseguramento da calidade dos servizos e do seu persoal.
- A definición e execución das políticas de responsabilidade social, acción social, Axenda 2030, servizos sociais e participación.
- A colaboración coa vicerreitoría competente en materia de estratexia e gobernanza na execución das políticas institucionais de planificación, transformación e modernización administrativa.
Máis información:
Secretaría da Xerencia
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 560
xerencia@uvigo.gal




