Valedoría Universitaria

Son funcións da Valedora ou Valedor Universitario velar polo respecto dos dereitos e das liberdades de todos os membros da comunidade universitaria

A Valedora ou Valedor Universitario é o órgano especificamente encargado de velar polo respecto aos dereitos e ás liberdades dos membros da comunidade universitaria ante as actuacións dos diferentes órganos e dos servizos universitarios. As súas actuacións non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e virán rexidas polos principios de independencia e de autonomía. 
 

 

Esther Pillado González
Valedora universitaria

Catedrática de Dereito Procesal na Universidade de Vigo desde febreiro de 2010, iniciou a súa actividade académica na Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciou en Dereito e defendeu a súa tese doutoral en 1996. Incorporouse á Universidade de Vigo como profesora contratada en 1995, onde aprobou a súa oposición como titular de Universidade en 1998 e gañou a cátedra en 2010.

Durante estes anos na Universidade de Vigo compatibilizou a súa labor docente e investigadora con diversos cargos de responsabilidade. Foi secretaria xeral da Universidade de Vigo entre os anos 2006 e 2010 e directora do Departamento de Dereito Público desde 2013 ata 2019.  Coordinou o Servizo de Mediación Familiar Intraxudicial de Vigo durante os anos 2012 a 2016 e é vogal permanente da sección procesual da Comisión Xeral de Codificación. 

 

Calquera membro da comunidade universitaria poderá presentar queixas, reclamacións ou consultas, individuais ou colectivas ante a Valedora Universitaria. Presentaranse por escrito en calquera rexistro da Universidade de Vigo e figurarán os datos persoais e a sinatura da ou das persoas interesadas, o número do DNI e o domicilio para os efectos de notificación.

Condicións mínimas para presentar as queixas

  • Ter recorrido previamente ante as instancias administrativas ou os órganos de goberno.
  • Que non sexan anónimas.
  • Non ter recorrido a instancias xudiciais.
  • Non estar pendentes de expediente administrativo sancionador.
  • Non ter pasado máis de dous meses desde que se tivera coñecemento dos feitos.

Tramitación das queixas

As actuacións da Valedora Universitaria poderán iniciarse de oficio ou por instancia de parte. Nun prazo máximo de 15 días, a Valedora Universitaria xustificará o recibimento das queixas ou reclamacións recibidas e emitirá contestación motivada respecto de se procede ou non a súa admisión a trámite. En todos os casos, comunicaráselles ás persoas interesadas a motivación que fundamentou a inadmisión. O anterior non impedirá, non obstante, a investigación sobre os problemas xerais suscitados por estas queixas.

 

Discursos do defensor universitario (DU)

Ponencias do defensor universitario 

Convenios

Máis información:

Edificio Filomena Dato, 2º andar
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 830
secvaledora@uvigo.es