Traditional music and dance rooms

This content is currently not available in English

A universidade impulsa as aulas de música tradicional galega, coas que se amplía a oferta formativa en canto, percusión, gaita e baile.

Campus de Ourense

Entre a oferta de obradoiros de extensión universitaria que cada cuadrimestre organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, está este dedicado á música tradicional galega dirixido polo músico e gaiteiro Gonzalo Abelairas

Cunha oferta de prazas limitadas, inícianse ou melloran nel os seus coñecementos de gaita e percusión, tanto paro o alumnado universitario como non universitario.

Os seus contidos están enfocados tanto ás persoas que queren iniciarse como ás que quere ampliar os seus coñecementos. Nas sesións as persoas partipantes divídense en grupos atendendo ao seu nivel e ao instrumento que tocan, compartindo noutros momentos sesións conxuntas, para por en práctica o aprendido.

Na actividade, afóndase no coñecemento da gaita galega, tratando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional.​


Campus de Pontevedra: obradoiros

A Aula Permanente de Música Tradicional Galega do Campus de Pontevedra iniciou a súa andaina no ano 2016 por iniciativa de membros da comunidade universitaria do Campus de Pontevedra co fin de levar a música tradicional galega ao ámbito académico, así como facilitar a continuidade na interpretación da música tradicional entre os estudantes desprazados temporalmente por razón dos seus estudos universitarios.

Esta actividade, promovida pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, e dirixida na actualidade polo músico e gaiteiro Suso Vaamonde Manteiga, está formada por 46 compoñentes da contorna universitaria e non universitaria. O grupo de música permite a constitución de formatos como un grupo de gaitas e percusión, zanfonas, acordeóns e ocarinas, e un gran grupo con todos os compoñentes.


Campus de Pontevedra: grupos

É unha iniciativa cultural e formativa que busca preservar e difundir o patrimonio musical galego entre a comunidade universitaria e a cidadanía. Este grupo está formado principalmente por membros da comunidade universitaria, aínda que tamén está aberto a persoas externas. A súa estrutura musical é diversa e versátil, incluíndo instrumentos como: gaitas, percusión tradicional, zanfonas e acordeóns. Os obxectivos do grupo son consolidarse, formarse de xeito continuo, captar novo alumnado e proxectarse publicamente.

Entre as súas actividades destacan as actuacións en prazas emblemáticas de Pontevedra como a Praza da Verdura, Ferraría, Teucro e Praza de España; as colaboracións con artistas recoñecidos como Carlos Núñez, que destacou o grupo como exemplo dunha universidade aberta á sociedade; e a participación en eventos culturais organizados pola Vicerreitoría do Campus, como parte dun novo esquema de actividades culturais permanentes. 

O grupo está dirixido pola gaiteira Marina Fernández Vigo, e conta co apoio de docentes e músicos profesionais como Suso Vaamonde (Aula de música tradicional) e Montse Rivera (Grupo de baile tradicional). 

É unha agrupación artística promovida pola Universidade de Vigo e orientada á interpretación escénica do folclore galego. Forma parte da oferta cultural permanente do campus de Pontevedra e está dirixida pola recoñecida mestra Montse Rivera, integrante de grupos como Leilía e Pesdelán. 

O grupo pretende promover e preservar a cultura galega, representar o campus, fomentar a interacción social e darlle continuidade ao obradoiro «Como bailar nun serán».

As características do grupo son: enfoque escénico, proceso de selección, inscrición gratuíta, actividades entre outubro e xuño. 

Para participar, cómpre pertenecer á comunidades universitaria e estar matriculado/a ou ter participado no obradoiro «Como bailar nun serán».

O obxectivo da Aula de baile tradicional é que os participantes poidan iniciarse, sen necesidade de coñecementos previos, nos principais ritmos do baile tradicional galego. A mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo Leilía, é a docente desta aula de 18 persoas.

o programa da aula figura, en primeiro termo, un achegamento aos principais ritmos soltos do noso baile tradicional, a muiñeira e a xota, co obxectivo de aprender tanto os seus pasos base como as regras que rexen a súa combinación para convertelos en puntos. Ao mesmo tempo, tamén teñen cabida os principais ritmos agarrados, o pasodobre e o valse, xunto coa proxección de pezas resultado de recollidas realizadas polo territorio galego dende mediados da década de 1980 por Montse Rivera, co obxectivo de poder tamén afondar nas orixes destes bailes.

O coro é unha agrupación artística e formativa promovida pola Universidade de Vigo, aberta á participación da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral. Os seus obxectivos son fomentar a expresión artística colectiva, crear un repertorio renovado, ofrecer formación musical básica e participar en actuacións públicas e eventos culturais. 

Configúrase como un espazo de encontro humanístico, artístico e interxeracional, no que se traballa tanto a técnica vocal como a interpretación musical. As sesións semanais combinan formación en linguaxe musical cun repertorio variado que abarca diferentes épocas e estilos, incluíndo pezas clásicas e contemporáneas. 
 
A actividade é de balde e está aberta a estudantes, profesorado, persoal administrativo e persoas externas. Para inscribirse cómpre enviar un correo electrónico a vic.pon@uvigo.gal achegando os datos persoais e o currículo artístico (non se require formación musical previa). Realizarase unha proba de acceso, mais non se require formación musical previa. A selección final notificarase por correo electrónico tras a proba vocal.

Campus de Vigo

Para máis información, podes contactar con:

Campus de Vigo   
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal

Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade            
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal

Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade            
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal