IX Edición de axudas Incuvi-Emprende

UVigo - Emprego 20/10/2020

A Universidade de Vigo, a través da Área de Emprego e Emprendemento, realiza a convocatoria da cuarta edición das axudas Incuvi-Emprende.

O obxecto desta convocatoria é apoiar as ideas emprendedoras que xurdan entre o alumnado e as persoas recentemente tituladas pola Universidade de Vigo co fin de fomentar o espírito emprendedor e impulsar as habilidades e as competencias emprendedoras entre a comunidade universitaria.

A axuda consiste na formación e na titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación de sete meses. Estas accións irán encamiñadas a elaborar un modelo de negocio das ideas presentadas.

O número máximo de proxectos seleccionados será 12. Poderán desenvolverse en calquera dos tres campus da Universidade de Vigo (Ourense, Pontevedra ou Vigo) e abranguer todos os ámbitos de coñecemento: tecnolóxico, científico, xurídico-social e humanidades.

Os membros dos equipos promotores das ideas deberán pertencer a algún dos seguintes colectivos:

  • Alumnado matriculado na Universidade de Vigo en estudos de grao ou de mestrado no curso 2020/2021.
  • Persoas tituladas en titulacións oficiais pola Universidade de Vigo no curso 2017/2018 ou posteriores.
  • Persoas tituladas noutras universidades españolas no curso 2017/2018 ou posteriores, sempre que non superen o 50 % dos membros do equipo.

A idea emprendedora poderá presentarse de maneira individual ou en equipo de catro persoas como máximo; neste último caso existirá unha persoa que actuará como coordinadora do equipo. A persoa ou equipo promotor deberán posuír a autoría intelectual das ideas que presentan ou, no seu defecto, dispor dos permisos correspondentes de uso da propiedade intelectual e/ou industrial de terceiros.

Información e solicitudes

Prazo de inscrición: ata o 30 de outubro de 2020.

Máis información e inscrición aquí.