Conectarse por medio dun proxy

Para consultar as revistas e publicacións das que somos subscritores na UVigo desde fóra da Universidade é preciso facelo desde un proxy.

Un proxy é un equipo informático que fai de intermediario entre as conexións dun cliente e dun servidor de destino, filtrando todos os paquetes entre ambos. Isto quere dicir que cando trates de consultar unha publicación que requira de subscrición, en vez de establecer a conexión directa entre o teu navegador e ela, os datos enviaranse e recibiranse a través do proxy da UVigo, permitíndoche así ter acceso aos mesmos contidos que se estiveses presente nos campus.

Este servizo ten unhas normas básicas de uso:

  • Este servizo ten como finalidade que os membros da comunidade universitaria o empreguen para acceder ás publicacións e revistas contratadas pola Universidade de Vigo e non debe ser usado con fins distintos a este.
  • O uso debe de ser o normal desde un navegador e non está permitido o uso de "crawlers" ou programas de descarga automática ou masiva de contidos a través deste servizo. En caso de detectarse este tipo de uso por parte dun usuario/a retiraráselle o acceso a este servizo.
  • O usuario e contrasinal empregados son os mesmos que para o usuario de correo que se teña, polo tanto as precaucións no uso do contrasinal deben ser as mesmas, non debendo o usuario comunicar o seu contrasinal a terceiros nin permitir o emprego da súa conta por outros usuarios.
  • Se accede desde un ordenador de uso público (cibercafé, aula pública de internet, etc.) empregando este servizo debe asegurarse de que cando deixe de facer uso do mesmo pecha todas as fiestras do navegador existentes no ordenador que estaba a usar, xa que de non ser así este poderá gardar o usuario e contrasinal do usuario, que poderán ser empregados por outra persoa, xa sexa de forma intencionada ou non.
  • Neste servidor de reenvío, e con arreglo á lexislación vixente, poderá filtrarse o acceso a determinadas páxinas web de destino en caso de que exista coñecemento suficiente de que a páxina de destino está a infrinxir a lexislación vixente, de acordo co previsto na "Ley de Servicios de la Sociedad de la Información y Comercio Electrónico" (LSSI).
  • Neste servidor mantense un rexistro das solicitudes de páxinas efectuadas ao mesmo. Este rexistro mantense únicamente para poder detectar e resolver problemas de funcionamento e para resolver posibles incidentes de seguridade que afecten ao servizo. Os datos neste rexistro só se gardan durante o tempo necesario para este uso e serán empregados únicamente con este fin ou para obter estatísticas de uso do servidor conforme aos termos indicados na lexislación vixente.

 

Datos de conexión

Servidor

proxy.uvigo.es

Porto

3333

Usuario e contrasinal

os da túa conta da UVigo