Estudantado e mentorización

O/a estudante que quere ser mentor/a ten que estar nos últimos anos dos graos que participan no proxecto e recibir unha formación de máis de 80 horas repartidas entre os meses de xuño e setembro. Esta formación está orientada ás competencias transversais de traballo en equipo, comunicación, intelixencia emocional e social, liderado, organización e xestión do tempo…
Ao longo do curso terá que preparar xunto ao seu coordinador/a de PAT oito reunións sobre diferentes temáticas para traballar cos estudantes mentorizados, e asistir ás reunións de seguimento.

Coa adquisición e posta en práctica destas competencias o alumnado mentor mellorará a súa inserción no mercado laboral. O alumnado mentorizado pasa a ter un papel activo e responsable na súa propia aprendizaxe e na súa vida.

O primeiro curso

O estudantado de primeiro curso está inmerso nun proceso de transición chave, o paso do ensino secundario á superior. O cambio supón a aparición de diferentes dificultades que poden ter consecuencias imprevisibles que poden provocar o abandono dos estudos. Entre as necesidades que atopa o alumnado de primeiro curso están o descoñecemento das esixencias que formula a universidade, o desenvolvemento non adecuado das aptitudes específicas respecto ao tipo de titulación cursada, aspectos de índole actitudinal, adiamento continuo de responsabilidades ou a desaparición do control tutelar do profesorado da educación secundaria.
O estudante mentorizado comprométese a asistir ás reunións e a participar activamente no proceso de mentorado.

Opinións dos/as participantes:

  • «Creo que esta iniciativa fai mellor ao alumnado e como consecuencia directa á Universidade».
  • «Teño cousas que podo ensinar e cousas que poden axudar».
  • «Debería recibir este curso con 18 anos».
  • «Grazas ao curso por esta oportunidade».
  • «Moitas persoas teñen os problemas que eu tiña ao empezar».