Secretaría Xeral

Emma Rodríguez Rodríguez

 

É profesora titular, acreditada a catedrática, de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, onde se formou e defendeu a súa tese doutoral. Desde 2004 desenvolve unha traxectoria docente e investigadora baseada no rigor científico e na transferencia de coñecemento.

A súa investigación céntrase nas relacións laborais, a protección social, a igualdade e a conciliación, así como na negociación colectiva. Conta cunha ampla produción científica e participa en proxectos estatais e internacionais, entre os que destaca o proxecto Jean Monnet sobre dereitos sociais da UE (2024 2027).

Exerceu diversas responsabilidades de xestión universitaria, como coordinadora de mestrado, secretaria da facultade e da comisión de doutoramento, ademais de participar na organización de actividades científicas. Entre 2022 e 2023 foi vogal asesora na Secretaría de Estado de Emprego e é mediadora en conflitos colectivos.

Conta cunha activa proxección internacional, con estadías e participación en proxectos e congresos, especialmente en materia de igualdade e conciliación.

Defende unha universidade comprometida coa seguridade xurídica, a transparencia e os dereitos da comunidade universitaria, así como coa calidade docente, a investigación e a transferencia de coñecemento.

  • A representación institucional da universidade, por delegación da reitora, ante os órganos xudiciais e administrativos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.
  • A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, actuando a Secretaría Xeral como canle para a solicitude dos informes xurídicos que apoien a actuación dos órganos colexiados e unipersoais, con excepción da Xerencia, que poderá solicitalos directamente en asuntos da súa competencia.
  • O impulso, dirección e coordinación da revisión e actualización normativas.
  • A organización, dirección e coordinación do Sistema Institucional de Garantía da Calidade da Universidade, así como dos procedementos institucionais asociados, sen prexuízo das competencias de planificación, execución e avaliación material atribuídas aos restantes órganos de goberno.
  • A organización e dirección dos rexistros, arquivos e procedementos relativos ao exercicio do dereito de acceso á información pública, así como a resolución das solicitudes correspondentes.
  • A supervisión normativa e xurídica da administración electrónica.
  • A proposta do calendario académico e a sinatura das certificacións supletorias dos títulos propios.
  • A tramitación e a supervisión formal dos expedientes informativos, disciplinarios e de responsabilidade patrimonial, así como a tramitación e custodia dos convenios institucionais.
  • A sinatura das resolucións relativas á rectificación de actas académicas e dos demais procedementos académicos atribuídos á Secretaría Xeral.
  • A sinatura, por delegación da reitora, das resolucións en materia de actividade académica do estudantado que non estean atribuídas expresamente a outros órganos.
  • A organización e control dos procesos electorais correspondentes aos órganos de goberno de carácter xeral.
  • A supervisión funcional das unidades administrativas correspondentes ás funcións anteriormente descritas.

Belén Jácome Pérez
Secretaría
+34 986 813 614
sxeral@uvigo.gal

 

 

Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo  
+34 986 813 614
sxeral@uvigo.gal