Welcome Center
O servizo de acollida da Universidade de Vigo, o noso Welcome Center, facilita toda a información necesaria para a rápida adaptación e incorporación á universidade do estudantado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.
A UVigo é unha universidade pública e nova con presenza nos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense, formando tres campus especializados onde estudar titulacións de grao, dobres graos, mestrados e programas de doutoramento, nunha treintena de centros para formación e investigación. Ademais, os campus están dotados de instalación para ocio con programación continuada nun plano cultural, deportivo e de voluntariado.
Se acabas de chegar, e necesitas apoio para a túa estadía ou queres coñecer xente nova, podes contactar co servizo Buddy Program da asociación Erasmus Student Network de Vigo.
Accede a toda a información da UVigo e aos seus mapas interactivos:
Vigo
O campus de Vigo, ademais dos centros docentes, administrativos e de investigación, conta cunha residencia e instalacións deportivas que enriquecen o día a día universitario. A piscina, o ximnasio ou o centro comercial son exemplos dalgúns dos servizos que permiten aproveitar ao máximo as posibilidades deste campus, apartado do tránsito urbano, pero moi ben comunicado co centro da cidade.
Vigo é unha cidade mariñeira, de espírito incansable e emprendedor. Ten un dos máis belos paraxes naturais de Galicia: as Illas Cíes. É o destino sur de Galicia ideal para desfrutar da natureza: no corazón da ría de Vigo, con fabulosas praias, pero cunha oferta diversa de ocio nocturno, cultura, compras e entretemento para tódolos gustos.
Pontevedra
No campus de Pontevedra encóntranse cinco centros en A Xunqueira, dous no centro da cidade (un adscrito) e un centro no concello veciño de Marín. A dirección e os servizos administrativos do campus localízanse na Casa das Campás no centro da cidade e na Escola de Enxeñaría Forestal en A Xunqueira, respectivamente.
Pontevedra conta cun dos centros históricos mellor conservados de toda Galicia. Foi declarado ademais como Conxunto Histórico-Artístico en 1951 e é sen dúbida a testemuña en pedra do esplendor medieval que viviu a cidade. Pontevedra é famosa polas suas rúas peonais e as súas prazas, onde parar a descansar e desfrutar da súa calma. Ademais, foi galardoada co Premio Internacional de Dubai, auspiciado pola ONU, que recoñece as mellores prácticas para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes.
Ourense
Totalmente integrado no centro urbano, o campus de Ourense conecta as súas dependencias máis recentes do campus sur coa súa parte máis antiga do campus norte a través dunha pasarela que permite que as súas sete facultades, un centro adscrito e os seus complexos residenciais e deportivos estean moi próximos. Ademais, conta cun centro de apoio á investigación no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole)
Ourense é a cidade da auga. Oito pontes cruzan aquí o río Miño, que en tempos dos romanos era unha mina de ouro. Agora xa no hai ouro, pero si unhas augas moi valiosas: as augas termais. As termas están por toda a cidade e moitas son gratuitas. Como as de A Chavasqueira ao bordo do río, onde gozar dun baño relaxante e renovador. As augas brotan tamén a 65º no centro, na fonte de As Burgas, que, co Santo Cristo e a Ponte Romana, son os símbolos da cidade.
For further information:
Welcome Center
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 276
welcome@uvigo.gal