Parrulo nadando nunha lagoa no Campus de Vigo

Medio ambiente

A Oficina de Medio Ambiente (OMA) é o servizo responsable da política ambiental da Universidade de Vigo

Entre as súas funcións atópanse as seguintes:

  • Asesorar a comunidade universitaria en temas relacionados co medio natural
  • Intervir nas actuacións que poidan afectar negativamente ás condicións e compoñentes ambientais da universidade
  • Promover e coordinar calquera acción encamiñada a aumentar a calidade de vida nos diferentes campus, mediante o equilibrio da relación entre as persoas e o medio

Oficina de Medio Ambiente


Sensibilización e educación ambiental

Imaxe de estudantes nunha visita organizada pola Oficina de Medio Ambiente

Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA) promove a sensibilización e a educación ambiental a partir de programas educativos, itinerarios ambientais e outros labores semellantes.

Unha das actividades máis recurrentes é a realización de rutas ambientais polo campus de Vigo para os nenos e as nenas dos colexios que así o soliciten. Estas rutas están pensadas para convivir coa natureza nunha contorna propicia para iso. En segundo lugar, desde a OMA realízanse rutas polo campus de Vigo e polo campus de Ourense co fin de que calquera persoa interesada poida realizalas. En terceiro lugar, a OMA leva a cabo campañas específicas de concienciación e sensibilización nas que trata de involucrar á maior cantidade de xente posible. Para lograr este fin, a OMA organiza diversos eventos ao longo do ano, en especial coas celebracións anuais relacionadas coa sostibilidade e a natureza.

 

Queres solicitar unha visita para o teu colexio?

Chámanos ao +34 986 813 883
ou escríbenos no enderezo oma2@uvigo.es
 

 


Horta ecolóxica

No campus de Vigo contamos cunha horta ecolóxica comunitaria impulsada pola Asociación Amigos da Terra en colaboración coa Universidade de Vigo. Trátase dun espazo aberto a calquera persoa que queira cultivar os seus propios alimentos de xeito respectuoso co medio ambiente e formando parte dun grupo autoxestionado. 

Máis información
 



Sostibilidade

A través da colaboración do Departamento de Obras e Infraestruturas, a Unidade Técnica e a Oficina de Medio Ambiente, a Universidade de Vigo traballa para conseguir edificios sostibles e renovables a través das seguintes accións:

  • Estudar a posibilidade de establecer instalacións de enerxía renovable
  • Avanzar no establecemento de sistemas centralizados de calefacción
  • Establecer colaboracións coas administracións correspondentes


2023

A Universidade de Vigo executou diversos proxectos acollidos á liña de axudas a proxectos de economía baixa en carbono, en instalacións de xeración de enerxía eléctrica con fontes de enerxía renovable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e xestionadas polo IDAE, co obxectivo de acadar una economía máis limpa e sostible.

O investimento total suma 338.232,41€ e o importe total das axudas é de 260.634,20 €.

2021

Co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, a Universidade de Vigo executou as obras para a instalación duns postes de recarga de vehículos eléctricos nos campus de Ourense e de Pontevedra. 

Estas actuacións enmárcanse no Programa Estatal de Incentivos á Mobilidade Eficiente e Sostible (Programa  MOVES II) ano 2020 cofinanciada pola Unión Europea dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

2020

Como exemplo deste compromiso, no ano 2020 a Universidade de Vigo executou diversos proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e de eficiencia enerxética no campus de Vigo. Para levar a cabo estas actuacións, contouse co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

2019

No ano 2019 a Universidade de Vigo executou seis instalacións solares fotovoltaicas para autoconsumo nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.