Enquisas de avaliación docente

Trátase dun instrumento institucional que procura coñecer a opinión do estudantado sobre o labor docente do profesorado. Permite facer unha reflexión crítica para detectar os aspectos máis frouxos, reforzar os máis positivos e avanzar así na mellora continua da Universidade de Vigo.

Todo o alumnado universitario, de acordo co artigo 64.l dos Estatutos da Universidade de Vigo ten o dereito a «participar na avaliación da actividade docente do profesorado e nos procesos de avaliación institucional da calidade dos centros, das titulacións e dos servizos da Universidade de Vigo».

Por outra banda , conforme os artigos 78.g e 79.b, o profesorado universitario ten respectivamente o dereito a «participar nos procesos de mellora e de calidade da docencia e da investigación da Universidade de Vigo» e o deber de «cumprir as tarefas docentes e investigadoras correspondentes, con suxeición aos procedementos de avaliación e de control da súa actividade académica».

A avaliación da actividade docente realízase mediante as enquisas cunha periodicidade semestral, a través dun cuestionario que emprega unha escala de satisfacción do tipo Likert cos seguintes niveis de resposta:

  1. Totalmente en desacordo
  2. Algo en desacordo
  3. De acordo
  4. Moi de acordo
  5. Totalmente de acordo. 

O cuestionario da enquisa de avaliación docente do profesorado (EAD) recóllese no documento Procedemento para a realización das enquisas e as especificacións para o tratamento e presentación dos resultados aprobado polo Consello de Goberno o 25 de setembro de 2023.

Preguntas frecuentes sobre as enquisas de avaliación docente

As finalidades da avaliación docente do profesorado son fundamentalmente:

  • Dispor dun procedemento de avaliación e de mellora da calidade do ensino e do profesorado incluído nos sistemas de garantía de calidade das titulacións oficiais.
  • Proporcionarlle  ao  profesorado  probas  contrastadas  sobre  a  súa  docencia  para  a  mellora continua e o perfeccionamento das súas actuacións. 
  • Reunir información relevante e obxectiva sobre a actividade docente do profesorado e a súa avaliación para apoiar  o  proceso  de  toma  de  decisións  de  responsables  e de  autoridades académicas  que  afectan  a  procesos  de  planificación  e de xestión  de  recursos,  de promoción, de formación, de asignación de responsabilidades docentes, fundamentalmente no marco do programa de avaliación docente Docentia.
  • Mellorar a información á sociedade e a outros grupos de interese sobre o labor docente nos centros e nas titulacións da Universidade de Vigo e cumprir cos requirimentos establecidos nos programas de calidade fundamentalmente os establecidos no seguimento e na acreditación dos títulos.

Todo o estudantado matriculado nalgunha titulación de grao ou de mestrado da Universidade de Vigo poderá participar na realización das enquisas de avaliación docente.

O procedemento de avaliación aplícase a todo o profesorado que imparte docencia en calquera das titulacións oficiais dos centros da Universidade de Vigo, de acordo co Plan de Ordenación Docente (POD), sempre que imparta polo menos 10 horas de docencia nun grupo de estudantes nos títulos de grao ou seis horas de docencia nun grupo de estudantes nos títulos de mestrado.

Así mesmo, o profesorado que imparta entre 5-10 horas de docencia nun grupo de estudantes nos títulos de grao ou 5 horas de docencia nun grupo de estudantes nos títulos de mestrado poderá solicitar voluntariamente a súa inclusión no sistema de realización das enquisas de avaliación docente.

A aplicación para completar a enquisa atópase na secretaría virtual onde se activará un aviso que indique a dispoñibilidade da enquisa non completada. Ademais, o alumnado matriculado recibirá un correo electrónico coa ligazón para acceder a enquisa. Nesta aplicación incluirase unha guía para poder completar as enquisas.
 

As enquisas de avaliación docente son un aspecto fundamental nos seguintes programas de calidade:

Programa de avaliación docente, Docentia

O programa Docentia consiste na valoración sistemática da docencia de cinco cursos académicos mediante a análise das evidencias documentais achegadas polo profesorado e polas pesoas responsables académicas da Universidade de Vigo. O programa pretende satisfacer as demandas das universidades e a necesidade do sistema educativo de dispoñer dun modelo e duns procedementos para garantir a calidade do profesorado universitario e favorecer o seu desenvolvemento e recoñecemento. Os resultados nas enquisas de avaliación docente incorpóranse a esta valoración e terán un peso dun 30 % na avaliación do profesorado.

Programa de acreditación das titulacións

A avaliación da actividade docente debe entenderse coma unha avaliación interna que a universidade realiza do seu profesorado para garantir a calidade e o cumprimento dos obxectivos dos plans de estudos das ensinanzas impartidas. Neste senso, os resultados da avaliación docente considéranse relevantes dentro do criterio de recursos humanos. Este criterio debe acadar a avaliación positiva da axencia de calidade no marco do proceso de acreditación, para que o título poida obter ou renovar a súa acreditación e garantir a súa impartición.

Máis información sobre os programas Docentia e de acreditación: https://www.uvigo.gal/universidade/calidade/programas-calidade/docencia

Ademais, os resultados da avaliación docente téñense en conta noutros programas de calidade tanto internos o como externos, como o seguimento das titulacións ou os selos internacionais de calidade. Tamén se consideran nas convocatorias para obter complementos autonómicos, de avaliación previa á contratación ou de acreditación do profesorado universitario, entre outras.
 

As enquisas de avaliación deseñáronse para coñecer a opinión do estudantado cos diferentes aspectos da docencia. Para denunciar situacións anómalas ou incumprimentos existen diferentes mecanismos:

  • O procedemento de queixas, suxestións e parabéns da Universidade de Vigo.
  • A Valedoría Universitaria.
  • A reclamación perante a Reitoría a través do rexistro.

Unha vez rematado o curso académico no último trimestre do ano natural, os resultados individuais do profesorado, que son confidenciais, difúndense mediante informes individuais con acceso na propia secretaría virtual do profesorado.

Ao finalizar o período de alegacións e ao contar cos resultados individuais definitivos, publícase un informe global por titulación na secretaría virtual.

Asi mesmo calquera membro da comunidade universitaria ten acceso ao resultados agregados por titulación no apartado de listaxes públicas a través da secretaría virtual.

No centro

Anualmente os centros, dentro dos procesos ligados ao seu sistema de garantía de calidade, analizan os seus resultados incluídos ou derivados da enquisa de avaliación docente e establecen accións de mellora ante as debilidades detectadas. Esta análise, así como as accións establecidas e o seu seguimento, publícanse na web de cada centro no informe de revisión da dirección.

Na institución

No marco do programa Docentia, no que se incorporan os resultados da avaliación docente, promoveranse plans de mellora para os aspectos aplicables aos centros e aos departamentos en función dos resultados obtidos polo profesorado adscrito a estes, xunto coa definición das responsabilidades e do sistema de seguimento. 

Ademais elaborarase un plan de formación e de perfeccionamento institucional do profesorado en colaboración coa Escola Aberta de Formación Permanente sobre a base das carencias xerais e/ou particulares detectadas en cada avaliación.
 

Máis información:

Área de Calidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 447
uacalidade@uvigo.gal