Programa Universitario de Maiores

Nunca é tarde para formarse

Dentro do marco xeral dos programas de formación das aulas de formación aberta da Universidade de Vigo desenvólvese o Programa para maiores: un proxecto de desenvolvemento científico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, teñan ou non titulación, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais.

Coa posta en marcha deste programa nos seus tres campus, nós, a Universidade de Vigo, pretendemos facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento persoal e social, e colaborar con eles, en xusta correspondencia co que eles co seu traballo e esforzo achegaron á nosa institución. Trátase, pois, dunha oferta de estudos para as persoas que, por diferentes razóns, non puideran acceder á universidade no seu momento ou que, sendo xa titulados, se atopen en idade inhabitual para as tarefas académicas.

Coñece os detalles do programa:

É un proxecto educativo dirixido á poboación adulta que pretende favorecer a súa incorporación á vida universitaria a través de programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas (titulación propia).
Deste modo, ofrecemos aos nosos maiores a posibilidade de incentivar as relacións interxeracionais, así como contribuír ao seu enriquecemento humano e cultural, proporcionando os instrumentos necesarios para garantir a formación ao longo de toda a vida, e o seu desenvolvemento persoal e social.

Mellorar a súa calidade de vida facilitando o acceso a ensinanzas e experiencias propias do ámbito universitario,  ofrecerlles un espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, fomentar a súa participación na sociedade actual, axudarlles no seu proceso de adaptación aos cambios dos nosos tempos, impulsar a súa presenza como dinamizadores do seu propio contexto socio-cultural, posibilitarlles e ofrecerlles unha proposta real para as relacións intra e interxeracionais e facilitarlles os instrumentos necesarios para a aprendizaxe ao longo da vida.

O Programa para maiores deséñase de acordo cos principios seguintes:

  • Principio de adecuación dos contidos: os contidos das diferentes materias ou disciplinas deben adaptarse ao nivel de formación do alumnado, tratando de axustar o rigor e o valor científico dos contidos á súa capacidade de comprensión.
  • Principio de personalización da aprendizaxe: os programas das materias deberán ter en conta as situacións específicas de aprendizaxe das persoas ás que van dirixidos (tempos, ritmos, intereses, motivación etc.).
  • Principio de integración académica e sociocultural: a formación académica debe completarse con actividades de carácter sociocultural, integrando ambos os aspectos.

 E consta de dous ciclos:

  • Ciclo Intensivo

    É un programa deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, e favorecendo un estilo de vida activo e saudable.

    O estudantado poderase matricular dun mínimo de 9 créditos ECTS por curso académico e dun máximo de 18, agás no caso de que queden por superar menos de 9 créditos para rematar o ciclo.

    Neste caso, o estudantado deberase matricular de todos os créditos restantes nunha única vez.
    Unha vez superados os 54 créditos ECTS dos que se compón o ciclo intensivo, outorgarase a correspondente acreditación mediante un título propio de «universitario/a sénior»
     
  • Ciclo Integrado

    Ten como obxectivo fundamental o fortalecemento das relacións interxeracionais. Este ciclo permítelle ao alumnado cursar materias pertencentes a diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo.

    Diferénciase do Ciclo Intensivo en que estes estudos levaranse a cabo xunto co estudantado das correspondentes titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, nas mesmas aulas e horarios, e en igualdade de circunstancias, salvo que non existe a obriga de participar nos procesos de avaliación do estudantado xeral de grao.

    O alumnado poderase matricular nun máximo de 18 créditos ECTS cada curso académico. Unha vez superados 36 créditos ECTS dos que se compón o ciclo integrado, outorgaráselle un título propio de «universitario/a superior sénior». No caso de que o alumno/a supere un mínimo de 24 créditos dun mesmo ámbito de coñecemento, engadiráselle ao título obtido o recoñecemento como experto/a no ámbito correspondente.

Existe un programa establecido para cada un dos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra).

  • Ciclo Intensivo desenvólvese en
    Campus de Vigo: Escola Universitaria de Estudos Empresariais (rúa Torredeceira).Campus de Ourense: Escola Superior de Enxeñaría Informática (campus As Lagoas).
    Campus de Pontevedra: Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e Facultade de Belas Artes (campus A Xunqueira).
  • Ciclo integrado desenvólvese nas facultades en que se imparta cada materia.

Podes atopar toda a información sobre a inscrición no Programa de Maiores na súa sección correspondente: 

Como acceder ao Programa de Maiores

Podes atopar toda a información sobre a matrícula no Programa de Maiores na súa sección correspondente: 

Matricúlate no Programa de Maiores

Para acceder á Secretaría para facer certos trámites, deberás ter un identficador, tamén chamado usuario. Este identificador ten dúas partes: unha é o NIU (número de identificación universitaria) e a outra parte é un nome de usuario que coincidirá co teu enderezo electrónico da uvigo. 

Dende esta ligazón podes ler as instruccións relacionadas co teu identificador e consultar diferentes tutoriais e preguntas frecuentes:

O meu identificador na UVigo

 

Tamén poderás consultar este breve manual sobre como acceder co NIU para facer a matrícula.

 

Alumnos do Programa de Maiores da UVigo

 

Para máis información sobre o Programa Universitario de Maiores, podes contactar con: