Plurilingüismo
Fomento do plurilingüismo e da proxección internacional
A internacionalización é hoxe un dos principais desafíos e prioridades no eido da educación superior. A Universidade de Vigo aposta por unha estratexia que promove o plurilingüismo e impulsa a súa proxección global, consciente de que formar cidadáns e cidadás con perspectiva internacional, competencias multiculturais e visión global é fundamental para o desenvolvemento persoal e social.
Plan de internacionalización
O I Plan de internacionalización da UVigo, aprobado en 2025, estrutúrase arredor deste compromiso, integrando as habilidades lingüísticas como un elemento esencial. Financiado con recursos propios e complementado con programas nacionais, europeos e coa alianza Athena, o plan promove a dimensión internacional do estudo, a docencia, a investigación e a xestión, tanto a través da mobilidade como de accións de internacionalización na casa.
Entre os seus principais obxectivos destacan: fomentar o entendemento entre culturas, impulsar a mobilidade do estudantado e do persoal, atraer talento, internacionalizar os plans de estudo e a actividade investigadora, fortalecer alianzas estratéxicas e mellorar a visibilidade global da universidade.
Neste marco, a UVigo aposta tamén por estreitar lazos cos países de lingua portuguesa (CPLP), aproveitando os vínculos históricos e culturais compartidos, participando en feiras internacionais e promovendo acordos de colaboración que contribúan á captación de estudantado e ao fortalecemento das relacións académicas.
Docencia en inglés
Segundo recolle I Plan de internacionalización da UVigo, unha das liñas prioritarias da estratexia institucional é a consolidación dunha oferta académica impartida en linguas estranxeiras, nomeadamente en inglés.
Nun mercado laboral cada vez máis globalizado, o dominio doutras linguas constitúe unha ferramenta esencial para acceder a oportunidades profesionais, tanto na nosa contorna coma no estranxeiro. Neste contexto, a docencia universitaria en linguas estranxeiras e a implantación de titulacións bilingües, particularmente en inglés, representan unha oportunidade clave para mellorar a empregabilidade do noso estudantado e reforzar a súa formación internacional.
Esta aposta responde tamén a crecente mobilidade de estudantes e de persoal universitario, así como as esixencias dun contexto académico global no que as colaboracións con universidades e centros de investigación —especialmente aquelas situadas entre as Top 500 do ranking de Shanghái— requiren, como condición previa, dispor dunha oferta docente en inglés.
Ata o de agora realizouse un esforzo notable para incorporar un número significativo de materias en inglés, tanto en graos como en mestrados, e a Universidade de Vigo mantén o seu compromiso de seguir ampliando esta oferta. Esta liña de traballo resulta fundamental para reforzar a proxección internacional da institución e consolidar a súa posición como destino preferente para o estudantado internacional.
Existen materias, tanto nos graos coma nos mestrados, que son impartidas en inglés. Consulta aquí as do curso 2025/2026:
Materias English Friendly. Português Amigável, Français Amical, Italiano Amichevole
Alén da estratexia de impartir docencia integramente en inglés, a Universidade de Vigo ofrece tamén a ferramenta das English Friendly, materias dos graos e dos mestrados oficiais que se imparten en castelán e/ou galego, pero nas que o profesorado adquire os seguintes compromisos:
- Indicar o carácter English Friendly na guía docente da materia.
- Traducir a guía docente ao inglés.
- Facilitar materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia en inglés, se así o demandase o estudantado internacional.
- Atender as titorías en inglés, se así o demandase o estudantado internacional.
- Deseñar e realizar probas e avaliacións en inglés, se así o demandase o estudantado internacional.
Ademais da xa coñecida modalidade English Friendly, ampliamos as posibilidades coa incorporación de versións análogas noutras linguas: Português Amigável, Français Amical, Italiano Amichevole.
O obxectivo desta ampliación é continuar favorecendo a internacionalización na casa da nosa oferta docente, facilitando a participación de estudantes internacionais nas nosas aulas e visibilizando o compromiso da UVigo cun contorno académico multilingüe e aberto.
Cómpre salientar que estas modalidades non son excluíntes entre si: unha mesma materia pode ofertarse como friendly en varias linguas simultaneamente.
Plan PIPA
A Vicerreitoría de Internacionalización, a través do Centro de Linguas, pon en marcha cada ano o Plan Integral de Preparación e Acreditación do Inglés (PIPA), co fin de acreditar o nivel B1, B2 ou C1 de inglés de xeito oficial e totalmente gratuíto.
No proceso de matrícula ou cando reciba un correo, o estudantado de primeiro curso, a través do Moovi, poderá realizar unha proba de diagnose en liña para avaliar o seu nivel de inglés. A estas persoas proporémoslles un pequeno curso preparatorio ás probas dos exames CertAcles B1, B2 ou C1 de só 10 horas (8 en asíncrono + 2 presenciais. Estas dúas horas poderán cursarse en calquera dos tres campus) para logo, a seguir, realizar este exame oficial de acreditación con validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior. Cómpre dicir que tanto a proba como as taxas do exame serán de balde (sempre e cando se asista a un mínimo do 85 % do curso preparatorio).

HELA (Higher Education Lecturing Accreditation)
A proba HELA (Higher Education Lecturing Accreditation) ten como obxectivo promover a docencia en inglés nas titulacións de grao e de mestrado da Universidade de Vigo e apoiar a capacitación metodolóxica do profesorado para impartir docencia nesta lingua.
A acreditación consta de dúas probas que avalían a competencia escrita e oral en contextos docentes:
- Parte 1 – Proba escrita: redacción dun texto de 200-300 palabras relacionado coa actividade docente ou investigadora universitaria.
- Parte 2 – Proba oral: exposición duns 7 minutos dunha mostra real de material docente empregado na aula, seguida dunha rolda de preguntas do tribunal para valorar a comprensión e expresión oral. Recoméndase o uso de soportes visuais.
Esta acreditación constitúe unha ferramenta chave para impulsar a internacionalización docente e garantir a calidade do ensino en inglés na UVigo.

One2One en inglés, Tête-à-tête en francés e Frente a frente en portugués
O programa One2One, Tête-à-tête e Frente a frente ofrécelle apoio lingüístico personalizado e gratuíto á comunidade universitaria (estudantado, PDI e PTXAS) a través de sesións individuais virtuais destinadas a mellorar as habilidades de expresión, mediación e interacción oral en linguas estranxeiras.
As sesións, de arredor de 40-50 minutos, poden solicitarse en calquera momento do cuadrimestre e non requiren un nivel mínimo, xa que o profesorado adapta o contido ás necesidades de cada persoa.
O programa trata a preparación de presentacións académicas ou científicas, a defensa de TFG/TFM ou teses de doutoramento, ou a mellora da fluidez oral a través de conversas informais.
A aposta polo portugués responde a estratexia de internacionalización da UVigo e ao seu compromiso co espazo lusófono, mentres que a incorporación do francés reforza a dimensión multilingüe e internacional do programa.



Tándem lingüístico
O programa de Tándem lingüístico, unha iniciativa deseñada para fomentar o intercambio cultural e a aprendizaxe de linguas dentro da comunidade universitaria, ofrece unha oportunidade única para practicar idiomas e coñecer outras culturas a través de conversacións informais con falantes nativos e estudantes de programas de mobilidade internacional. O tándem está aberto a estudantado, PDI e PTXAS, e ten como obxectivo principal mellorar as habilidades comunicativas e fortalecer as competencias interculturais nun ambiente relaxado e participativo. Ademais de practicar o idioma, esta experiencia facilita o contacto coa cultura, os costumes e a realidade dos países de orixe dos participantes, favorecendo tamén a integración das persoas internacionais na comunidade universitaria.

Centro de Linguas
O Centro de Linguas naceu en 2004 para promover e desenvolver actividades de formación en linguas modernas atendendo as necesidades lingüísticas da comunidade universitaria e da súa contorna. Tras máis de 15 anos de experiencia, somos un referente en ensinanza de linguas e acreditación de niveis, traballando en colaboración coas entidades de acreditación máis recoñecidas: ACLES, Cambridge Assessment English, Instituto Cervantes, ETS TOEFL etc.
A actividade principal do Centro de Linguas é a formación específica da comunidade universitaria para contribuír á calidade na docencia e investigación e á internacionalización da Universidade de Vigo.
Convidámoste a coñecer mellor o Centro de Linguas e a súa oferta de formación:
Por outro lado, a Área de Plurilingüismo ten como misión principal a implementación da política de internacionalización lingüística da Universidade de Vigo, a través do impulso das accións necesarias para mellorar a competencia en linguas estranxeiras dos membros da comunidade universitaria, así como desenvolver habilidades nos idiomas propios da universidade entre os nosos visitantes internacionais.
TermUVigo
TermUVigo é un recurso terminolóxico multilingüe (galego, español e inglés) especializado na linguaxe académica e institucional da Universidade de Vigo. O seu obxectivo é ofrecer unha referencia fiable e normalizada da terminoloxía empregada no eido universitario, favorecendo unha comunicación clara, coherente e de calidade.
A ferramenta permite consultar termos mediante diferentes opcións de busca e ofrece información como denominacións oficiais atemporais e temporais, equivalencias noutras linguas, definicións, variantes ou notas de uso. Diríxese á comunidade universitaria e tamén a persoas externas interesadas na terminoloxía da educación superior e da institución universitaria.
TermUVigo desenvólvese a partir de documentación oficial e estándares internacionais de xestión terminolóxica, garantindo así a súa actualización, interoperabilidade e utilidade en contextos académicos, administrativos e de tradución.
Internacionalización na casa: cursos COIL e clases espello
O curso de formación permanente «Internacionalización na casa: o enfoque COIL e as clases espello » diríxese ao profesorado universitario interesado en incorporar experiencias de colaboración internacional en liña nas súas materias. Ao longo da formación trátanse os fundamentos da metodoloxía COIL (Collaborative Online International Learning), o deseño e a implementación de proxectos colaborativos internacionais, a integración da aprendizaxe intercultural e o uso de ferramentas tecnolóxicas para facilitar o traballo entre estudantes de diferentes universidades e contextos culturais.
Neste apartado poderán consultarse todas as sesións gravadas do curso, con acceso só para as persoas cunha conta da UVigo.
Outra información de interese
- Documento marco de política lingüística para a internacionalización do sistema universitario español, aprobado polos reitores das 76 universidades da CRUE o 9 de maio de 2017
- Táboas de ACLES
- Táboas das mesas lingüísticas da CRUE
Máis información:
Vicerreitorado de Internacionalización
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
internacional@uvigo.gal




