Cooperación das empresas e institucións na investigación
O mellor aliado no camiño á innovación
Conscientes da importancia da transferencia dos coñecementos xerados pola nosa comunidade investigadora ao tecido produtivo, na Universidade de Vigo colaboramos coas empresas e coas institucións desde a nosa creación. Esta cooperación materialízase en diferentes modelos, entre eles os contratos e os convenios de investigación.
Cada vez é máis frecuente e necesario que a I+D aplicada e o desenvolvemento tecnolóxico realizado na universidade se leve a cabo, desde as primeiras etapas, en colaboración con outros axentes do sistema de innovación, fundamentalmente coas empresas.
Neste sentido, distinguimos dúas vías de realización das actividades de I+D+i:
- I+D contratada: unha empresa ou organización encárgalle á Universidade a realización dun proxecto de I+D, propón os obxectivos, asume os riscos e paga o seu custo, e finalmente dispón dos resultados. Esta actividade formalízase mediante un contrato.
- I+D colaborativa: os participantes dos proxectos involucran os seus recursos, comparten riscos e obxectivos e distribúen a propiedade dos resultados. Formalízase mediante un convenio ou acordo de colaboración.
En ambos os casos, as organizacións poden acudir ás diversas axudas públicas para obter financiamento das súas actividades de I+D+i.