Día Mundial contra Traballo Infantil 2023 

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 12/06/2023

Fotografía: Nacións Unidas

Este 12 de xuño, como cada ano, conmemórase o Día Mundial contra o Traballo Infantil para sensibilizar e concienciar a sociedade no seu conxunto sobre esta problemática tan grave que existe nos nosos días. Asemade, nace co gallo de reivindicar a necesidade de erradicar toda forma de traballo infantil e de facer un chamamento internacional sobre o compromiso de todos os gobernos nacionais e internacionais para realizar accións que sexan preventivas e, de igual xeito, eliminatorias deste tipo de escravitude aos nenos e nenas. 

Ben é certo de que a pesar dos avances conseguidos ao longo do tempo, a ONU ofrécenos unhas cifras alarmantes nas que «160 millóns de nenos están en situación de traballo infantil, o que representaba un de cada 10 nenos en todo o mundo. Algúns deles con tan só 5 anos de idade». Por isto, é preciso que existan, no ámbito gobernamental, leis e mecanismos de protección á infancia, onde se respecten e se promocionen os seus dereitos como seres humanos e como nenos. Na gran maioría dos casos, a estes cativos e cativas que se vén obrigados a traballar, prívaselles do seu dereito fundamental á educación, xa que teñen que deixar á escola para dedicarse ao traballo. 

A ONU expón que «a protección social é tanto un dereito humano como unha potente ferramenta política para evitar que as familias recorran ao traballo infantil en tempos de crise». A etapa da infancia é un período vulnerable e crucial para o desenvolvemento dos nenos e nenas, debido a que o traballo infantil pode producir problemas no seu desenvolvemento físico, emocional e psicolóxico. Por iso, as organizacións internacionais e os Estados deben velar polos seus dereitos fundamentais e ter en conta a súa desprotección fronte as hostilidades que existen no mundo. Débense crear leis, de maneira urxente, máis fortes que protexan a infancia e intervir de maneira inmediata calquera caso de abuso sobre a infancia. 

O traballo infantil e a Axenda 2030

A Axenda 2030 exhorta a comunidade mundial na súa  meta 8.7 a «adoptar medidas inmediatas e eficaces para erradicar o traballo forzoso, poñer fin ás formas modernas de escravitude a trata de seres humanos e asegurar a prohibición e eliminación das peores formas de traballo infantil, incluídos o recrutamento e a utilización de nenos soldado e, a máis tardar en 2025, poñer fin ao traballo infantil en todas as súas formas». O traballo infantil tamén está presente na meta 16.2 de los ODS: «poñer fin ao maltrato, a explotación, a trata e todas as formas de violencia e tortura contra a infancias». 

Invitámosvos a coñecer máis visitando a páxina web da ONU e de UNICEF.

 

ODS 8

ODS 16

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal