Día Internacional da Felicidade 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 20/03/2024

Desde o ano 2013, as Nacións Unidas recoñecen a importancia da felicidade na vida das persoas coa conmemoración, cada 20 de marzo, do Día Internacional da Felicidade. A Universidade de Vigo súmase nesta ocasión a súa celebración. 

Co lema «A felicidade pasa pola solidariedade», a ONU pretende fomentar a cooperación internacional en prol da felicidade das persoas e a inclusión do benestar cidadá como parte da axenda política dos gobernos. 

A idea da felicidade como aspiración política, e a resolución da ONU a que esta deu lugar, foi iniciada por Bután. Desde 2008, este Estado recoñece o índice da felicidade nacional bruta (Gross National Happiness) como indicador de logro por encima do produto nacional bruto. A felicidade nacional bruta mide a promoción do desenvolvemento económico e socialmente sostible, a preservación e a promoción da cultura, a conservación do medio e a calidade do goberno.

Unha a actitude positiva e un sentido de benestar, é dicir, a felicidade, están asociados á boa saúde e á lonxevidade. A ONU, pola súa parte, sostén que a felicidade e o benestar das persoas están directamente relacionados co crecemento económico inclusivo, equitativo e equilibrado; o desenvolvemento sostible e o fin da pobreza.

Este ano a ONU recorda que en tempos de crise e conflitos bélicos como os actuais, valores universais como a amabilidade, a compaixón e a solidariedade tenden a ser esquecidos. Con todo, ante as dificultades tamén poden florecer estes valores, como se demostrou durante a pandemia de Covid-19 coas iniciativas de axuda mutua, apoio social que xurdiron arredor do globo.

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Felicidade, a ONU preguntoulles a persoas de todo o mundo que significaba para elas a felicidade

E para ti, que é a felicidade? 

 

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal