Carta do reitor sobre a integración das escolas adscritas de Enfermaría na UVigo

UVigo - Comunicación 02/02/2024

Carta aberta ao benquerido compañeiro e amigo Claudio Cerdeiriña

Atopei onte o teu documento, entregado por Cividas o martes, ao respecto da túa visión do acontecido co Mestrado en enfermaría. Sinceramente, síntome inxustamente tratado, sorprendido e abraiado polo escrito que subscribes en nome da Plataforma pro Campus. É para min, persoalmente, unha decepción profunda que, en todo caso, non vai modificar a miña folla de ruta para o campus; espero deixalo moi ben encamiñado para o futuro cando deixe a actual responsabilidade para a que a comunidade universitaria me elixiu.

Como quizais saibas (ou pode que non), levo traballando varios anos para crear unha Facultade de Enfermaría que acubille os actuais estudos impartidos nos tres campus. A situación herdada (non quero insinuar que teña culpables) era ben encerellada. Non temos ningunha titulación de enfermaría propia e temos, nada máis e nada menos, que catro escolas adscritas no conxunto dos tres campus: dúas dependentes do Sergas (en Ourense e en Vigo), unha da Deputación de Pontevedra e unha privada en Vigo (Povisa). Nos procesos de acreditación da titulación (que é única e constitúe unha responsabilidade, en último termo, da Universidade de Vigo) xa nos avisaron, en dúas ocasións, de que era preciso afrontar distintos cambios. Na actual acreditación fixemos constar que se estaba traballando na creación da nova Facultade de Enfermaría.

Cando decidimos impulsar o proceso de creación da Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo, eu albisquei unha facultade intercampus: un centro con responsabilidades compartidas, capaz de aproveitar todo o talento das actuais escolas adscritas, de captar e de reter talento de fóra e, obviamente, de cubrir a formación de novos profesionais e de novos membros do seu cadro de persoal docente e investigador. Por iso apostei persoalmente pola posta en marcha dun título de Mestrado en enfermaría, aberto ás persoas graduadas e que permitirá logo seguir co título de doutoramento, ao entender que a formación de doutores e doutoras é, seguramente, a maior eiva das actuais escolas adscritas.

Para a posta en marcha desta facultade, considerei oportuno nomear un decano-comisario, un cargo que tiña que recaer nun profesor a tempo completo e membro da Universidade de Vigo. Loxicamente, non podía ser unha persoa non pertencente á nosa institución. Nomeei unha persoa da miña total confianza que, na miña opinión, está a desenvolver un magnífico traballo e a tentar arranxar todos os atrancos que van xurdindo. Quero facer constar o meu agradecemento ao profesor Rafael Durán Barbosa.

Para a posta en marcha do mestrado, o decano-comisario creou unha comisión na que participaron cinco persoas: unha en representación de cada escola adscrita, un médico, que leva tempo colaborando coa institución, e el mesmo. O resultado foi que recibimos a tempo unha proposta, que a levamos ao Consello de Goberno coma calquera outra. Tiñamos dúas posibilidades, tendo en conta que o mestrado debía de tramitarse a través dun centro rexistrado no RUCT: esperar a creación da Facultade de Enfermaría ou tramitalo nun centro preexistente. Como para min e para o meu equipo era unha cuestión urxente, decidimos pedirlle á Facultade de Fisioterapia (o noso único centro docente do ámbito das ciencias da saúde) que o tramitase. Eu estoulle moi agradecido ao centro por aceptar. Isto permite adiantar un ano completo a tramitación. Pero todo o mundo sabe que, se nese ano se crea a Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo, o título se adscribirá a este centro.

Non vou relatar as dificultades do proceso de creación da Facultade de Enfermaría, pero si quero facer constar a miña satisfacción por sermos quen de atopar as complicidades necesarias para a súa posta en marcha nos campus de Ourense, de Pontevedra e de Vigo, incluído seguramente o título de carácter privado impartido en Vigo, ademais de en distintos departamentos da Xunta de Galicia. Por primeira vez (esta creación xa a intentaron outros equipos reitorais, sen éxito) penso que vai ser factible. Aínda que, por desgraza, a utilización, con fins políticos ou doutra natureza, da queixa polo correcto quefacer da universidade, en vez de axudar, afasta o obxectivo, co cal este equipo reitoral segue plenamente comprometido.

Seguimos co compromiso tantas veces expresado porque pensamos que unha facultade única, integrada e con persoal dos catro títulos actuais é unha boa aposta para Galicia. Porque toda a formación dos e das profesionais da enfermaría do sur do noso país se beneficiaría das melloras derivadas do cumprimento da nosa folla de ruta. Porque aspiramos a que a nosa futura Facultade de Enfermaría faga magníficas achegas de investigación que, seguro, redundarán na mellora das condicións de vida das persoas enfermas.

Seguimos coa idea de facer todo o posible para ter unha facultade completa o antes posible, e para que ese centro, gobernado desde os tres campus, sexa un orgullo para todos e todas nós.

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor