Inicio do curso 2020/2021

Información ao alumnado

Medidas de actuación

UVigo - Comunicación 03/09/2020

ES | EN

Medidas de actuación ao comezo do curso

1. Medida de autoprotección: non acudas ao centro se tes algún síntoma asociado coa covid-19 (tose, febre, dificultade para respirar, perda de olfacto e/ou do gusto, diarrea, dor de gorxa, dor muscular, dor de peito ou cansazo xeneralizado). Esta medida aplicarase ao longo de todo o curso académico.

2. Terás que vir coa máscara.

3. Na conserxaría do teu centro recibirás (unha soa vez) unha máscara lavable reutilizable co logo da Universidade de Vigo, que poderá utilizarse coas medidas de hixiene correctas.

4. Recoméndase realizar un par de cursos: 

  • O primeiro para coñecer o funcionamento do noso sistema de videoconferencia, no cal se impartirán clases síncronas (nalgunhas titulacións rotarás entre a presencialidade e o seguimento a distancia desas clases utilizando a ferramenta denominada Campus Integra; noutras terás clases en liña combinadas con actividades presenciais).
  • O segundo curso é para que entendas o funcionamento básico das nosas plataformas de teledocencia.

5. Solicitámosvos que saibades, antes de iniciar o curso, cal é o teu médico/a e o teu centro sanitario. 

6. Recoméndase adicionalmente a lectura do Protocolo de actuación ante a aparición dun caso sospeitoso de covid-19 na Universidade de Vigo que se manterá actualizado permanentemente.
 

Medidas de actuación no centro

1. Antes de acudir ao centro, consulta na web da Universidade de Vigo ou na do teu centro se tes que asistir presencialmente ou conectarte desde o Campus Remoto. Nalgunhas titulacións toda a docencia será presencial; noutras existirán actividades presenciais e noutras docencia mixta. 

2. No centro segue as indicacións que aparecerán nos carteis fixos e nas pantallas de televisión normalmente situadas na entrada. 

3. Terás que vir con máscara, limpar as mans ao entrares, e gardar distancia de seguridade cando pases pola porta e en todo o percorrido polo centro. A este respecto, están marcados no chan os vieiros para circular, evitando que te cruces con persoas que veñen no sentido contrario. 

4. Cando teñas que utilizar os aseos, segue as instrucións (que estarán na porta) sobre o número de persoas que poden estar simultaneamente (está calculado en función do tamaño e da forma dos devanditos baños). Limpa as mans con auga e con xabón.

5. No caso de que utilices os servizos de cafetaría, sé coidadoso. Procura gardar a distancia de seguridade.

6. Solicitámosche que non comas nos corredores ou nas aulas.

Medidas de actuación nas aulas 

1. Nestes momentos durante a clase utilizarase a máscara. Seguirase sempre as indicacións das autoridades sanitarias sobre a obrigatoriedade do seu emprego en sitios pechados, así como a distancia social de seguridade.

2. Antes de entrar na clase, deberás lavar as mans utilizando auga e xabón ou hidroxel.

3. Para o seguimento dos contactos solicitámosche que  captures o código QR situado na aula. 

4. Recoméndase utilizar a aplicación Radar-covid do Ministerio de Sanidade ou a Pass covid da Xunta de Galicia.

5. Na clase están marcados os asentos que se poden utilizar. O uso deses asentos garante que gardarás a distancia de metro e medio con calquera dos teus compañeiros/as ou do profesorado.

6. Tenta ocupar sempre o mesmo asento nas aulas ás que asistas.

7. As aulas estarán desinfectadas ao inicio da xornada. Se entrases nunha clase que estivese previamente ocupada terás para unha maior seguridade papel  desbotable con desinfectante á túa disposición.

8. Se tes prácticas de informática:

  • As aulas estarán preparadas para que cada posto estea individualizado con anteparos transparentes. Deberás, en todo caso, utilizar a máscara.
  • No caso de usar os ordenadores da aula, colocarás un film plástico encima do teclado e do rato, que botarás ao rematar nas papeleiras con tapa situadas para tal efecto.

9.  Se tes prácticas de laboratorio:

  • Ademais da máscara, o profesor/a porá ao teu dispor un protector facial, ambos son de uso obrigatorio durante toda a práctica se o profesor/a considera que polos produtos utilizados ou pola materia tratada é necesario.
  • Cando teñas que tocar algún equipamento, deberás limpar as mans con auga e xabón ou con hidroxel, antes e despois do contacto. 
  • Ao remate da práctica, deberás deixar o material limpo e desinfectado. Segue as instrucións dadas por parte do profesorado.

10.  Despois de saír dunha actividade docente, recoméndase que laves as mans con auga e con  xabón ou con hidroxel. Por suposto, deberás utilizar máscara todo o tempo.

11.  As bibliotecas, que terán unha capacidade limitada, rexeranse polo seu propio protocolo de actuación.

12.  Están previstas medidas para o caso de que toda a docencia teña que pasar a ser en liña. 

  • Consulta na páxina web as nosas medidas para facilitar a conexión (se é que na túa casa non tes facilidades) ou para o empréstamo de material (se é que non dispós de equipamento para seguir as clases). 
  • Temos unha ferramenta para dar docencia síncrona: Campus Remoto.
  • Tamén dispomos dunha plataforma de teledocencia.

Medidas de actuación tras a aparición dun caso diagnosticado de covid-19

1. Tras a aparición dun caso diagnosticado de covid-19 seguiranse as recomendacións da Xefatura Territorial de Sanidade.

2. Se es diagnosticado positivo mediante proba diagnóstica de infección activa ou presentas síntomas asociados á covid-19, ou ben es contacto estreito dun caso, deberás comunicarllo o máis axiña posible á persoa encargada da covid-19 do teu centro.

3. A partir da diagnose seguiranse as instrucións dadas pola Consellería de Sanidade.

4. A autoridade sanitaria e o comité de expertos/as da covid da Universidade de Vigo, en función do número de contaxios, poderá ordenar o peche dunha ou de varias aulas, dun grao, mestrado ou dun centro educativo na súa totalidade.

 

 

Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 586
estudantes@uvigo.gal