Do 24 ao 30 de outubro

Semana internacional do acceso aberto 2022

UVigo - Comunicación / UVigo - Biblioteca 14/10/2022

Do 24 ao 30 de outubro celébrase a Semana internacional do acceso aberto, unha iniciativa anual para promover o acceso aberto no mundo académico e da investigación. Este ano o seu lema é “Aberto para a xustiza climática” e ten como obxectivo concienciar sobre como o acceso aberto pode ser un medio para a xustiza climática.

Un ano máis a UVigo únese a esta celebración coa publicación do informe As publicacións científicas na Universidade de Vigo en acceso aberto e dúas mesas redondas dirixidas a toda a comunidade universitaria e programadas pola Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Tranferencia e Innovación no marco da Estratexia do persoal investigador (HRS4R).
 

Programa

Mesa redonda 1. A contribución dos recursos educativos abertos ao logro dos ODS da Axenda 2030

Data: 25 de outubro, de 11:00 a 12:00 h 
Dirixido a: persoal docente e investigador, persoal bibliotecario e calquera persoa interesada nestas temáticas

Ver o vídeo

Resumo:

O termo recursos educativos abertos (REA ou OER en inglés) foi acuñado pola Unesco no ano 2002 e fai referencia aos materiais de ensino e de aprendizaxe dispoñibles na web de forma gratuita. A súa característica principal é que son materiais que se atopan en dominio público ou que foron publicados con licenzas abertas que permiten o seu uso, adaptación ou distribución gratuitas respectando a autoría. Segundo a Unesco, os REA favorecen unha educación de calidade, equitativa, inclusiva, aberta e participativa, o cal coincide coa meta 4.3 da Axenda 2030 que forma parte dos obxectivos de desenvolvemento sostibles (ODS). Nesta mesa redonda debaterase a contribución dos REA ao logro dos obxectivos da Axenda 2030 en materia de educación.

Participantes: 

  • Brigit Nonó Rius: Xefa da unidade de desenvolvemento de proxectos e comunicación da Biblioteca da Universitat de Girona. Nos últimos anos, a súa actividade céntrase no coñecemento aberto, participa no Grupo de soporte á investigación do CSUC, dedicado á publicación en aberto, os datos de investigación, as humanidades dixitais e a divulgación científica. É membro do Grupo de traballo de repositorios de Rebiun e coordinadora da “Acción 5: Impulso de contidos e servizos sobre recursos educativos abertos en repositorios de universidades españolas”.
  • Sergio Luján-Mora: Catedrático de Universidade do Departamento de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universitat d’Alacant. Os seus principais temas de investigación inclúen o desenvolvemento de aplicacións web, a usabilidade e a accesibilidade web, o e-learning, os cursos en liña abertos e masivos (Massive Open Courses, MOOC) e os recursos educativos abertos (REA). 
  • Gerardo Marraud González: Director da Biblioteca Universitaria de Vigo. Ex coordinador da Liña Estratéxica 4 de REBIUN sobre Axenda 2030. Na actualidade segue participando na Liña 4 de REBIUN. Desde xuño de 2022 é vocal representante das bibliotecas universitarias no Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia.

Modera:

  • María Isabel Doval Ruiz, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo.

 

Mesa redonda 2. Políticas de Ciencia Aberta en Europa, España e América Latina

Data: 27 de outubro, de 12.00 a 13.30 h
Dirixido a: persoal investigador, persoal bibliotecario e calquera persoa interesada nestas temáticas.

Ver o vídeo


Resumo: 

A maioría dos organismos de financiamento esixen prácticas de ciencia aberta e isto reflíctese nas políticas científicas no ámbito europeo, nacional e institucional. Xorden novas formas de administrar e de compartir o coñecemento científico e o reto está en lograr que ese intercambio de coñecemento sexa equitativo e colaborativo. Pero, como alcanzar este obxectivo? Que desafíos e oportunidades supón a ciencia aberta para o persoal investigador e para as institucións? Nesta mesa redonda, analizaranse as novidades nas políticas de ciencia aberta no ámbito nacional, a reforma do sistema de avaliación da investigación que propón a Comisión Europea e o modelo latinoamericano de financiamento público para as revistas, o acceso aberto diamante, un modelo de publicación aberta, sens fins de lucro, e sen pago por procesamento ou publicación (APC). Tres perspectivas que nos ofrecerán unha visión panorámica sobre as políticas actuais de ciencia aberta e as súas implicacións na transición a este novo paradigma de comunicación científica.

Participantes: 

  • Pilar Rico Castro: Xefa da Unidade de Acceso Aberto, Repositorios e Revistas da FECYT. O seu traballo principal consiste en dar soporte ao Ministerio de Ciencia e Innovación no deseño, implementación e avaliación das políticas nacional e europea de acceso aberto e de ciencia aberta. É experta nacional no Comité de Programa de Research Infrastructures, e foi National Contact Point (NCP) para Open Science dentro do programa marco europeo Horizonte Europa. Compaxina a súa actividade na FECYT coa de profesora asociada na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
  • Javier López Albacete: Policy Officer na unidade de Ciencia Abierta da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea. Foi coordinador de avaliacións no European Research Council (ERC) da Comisión Europea.
  • Eduardo Aguado López: sociólogo e investigador da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Autónoma do Estado de México (UAEM). Fundador de Redalyc.org (Rede de Revistas Científicas de América Latina, O Caribe, España e Portugal). Forma parte do consello directivo de AmeliCA, infraestrutura de comunicación para a publicación académica e a ciencia aberta. 

Modera:

  • Ana Bernabeu Tello, directora da Área de Investigación da Universidade de Vigo.

 

Outra información de interese

Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo


Catálogo de libros

Transcorridos 18 meses desde a posta en circulación dos exemplares, as obras publicadas pasan a comunicación pública baixo unha licenza Creative Commons CC BY-NC-ND 4.0. Os volumes pódense consultar en acceso aberto gratuíto a través do catálogo de libros. Ademais, o repositorio institucional Investigo enlaza estas publicacións para darlle unha maior visibilidade e garantir o seu acceso e preservación a longo prazo.

Revistas científicas

Revistas UVigo é a páxina web oficial do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo que aloxa as revistas que edita o servizo en formato electrónico aberto co sistema Open Journal System (OJS). A dia de hoxe edítanse nove revistas de diferentes ámbitos de coñecemento que achegan a súa investigación científica á sociedade dun xeito efectivo e rápido. Todos os traballos publicados polas revistas edítanse en comunicación pública baixo a mesma licenza internacional CC BY-NC-ND 4.0.
 


Guías sobre acceso aberto


Redes sociais

Podes seguir a Biblioteca Universitaria nos seus perfís de Instagram e de Twitter cos cancelos #SemanadoAccesoAbertoUVigo #OpenAccessWeek #OAWeek

 

Máis información:
 
Biblioteca Universitaria 
Sección de Soporte á Aprendizaxe e á Investigación
Biblioteca Central
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 843
referencia@uvigo.gal