Día da Cero Discriminación 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 01/03/2023

Neste día 1 de marzo do 2023 celébrase o Día da Cero Discriminación, o que constitúe unha ocasión para reflexionar e sensibilizar sobre o respecto e a igualdade entre todas as persoas.

A igualdade é un dereito fundamental dos seres humanos. Porén, persisten as desigualdades no mundo por cuestións económicas, de nacionalidade, de relixión, condición sexual, identidade de xénero, de idade ou de sexo. 

A edición deste ano celébrase baixo o lema “Despenalizar salva vidas” co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de loitar contra leis penais contrarias aos dereitos humanos dirixidas contra un grupos de poboación determinados. Leis que estigmatizan e agravan a fenda social e impiden aos grupos discriminados exercer os seus dereitos.

Na actualidade son 11 os países que castigan as relacións homosexuais con pena de morte e máis de 70 países posúen leis discriminatorias en torno á orientación sexual e a identidade de xénero. Estas leis producen persecución e segregación das persoas LGBTI+ o que provoca un aumento das agresións e abusos contra o colectivo. 

Destacamos tamén, a flagrante discriminación e expropiación de dereitos que seguen a sufrir as mulleres e as nenas en algúns países do mundo. Leis que restrinxen e minimizan as liberdades, dereitos e a integridade como seres humanos polo feito de ser muller. 

É precisa a abolición de calquera penalización por razón de sexo, identidade de xénero, de idade ou sexo, e calquera outra que vulnere os dereitos humanos así como a reivindicación de que en todos os Estados do mundo existan leis que defendan as persoas máis vulnerables en torno a discriminación. 

O Día da Cero Discriminación relaciónase cunha gran cantidade de Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible, entre os que se atopan o ODS 1: fin da pobreza; o ODS 5: igualdade de xénero; o ODS 10: redución das desigualdades; entre outros. 

Dende a Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade queremos sumarnos a esta celebración e salientar a importancia de reivindicar o dereito de todas as persoas a vivir unha vida plena e libre de discriminación.

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal