Día da Cero Discriminación 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 01/03/2024

«Para protexer a saúde de cada persoa hai que protexer os seus dereitos»

En 2013, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 1 de marzo o Día da Cero Discriminación. Este día naceu como unha campaña lanzada polo programa conxunto da ONU sobre o VIH. Nesta data promóvese o recoñecemento da diversidade social e a erradicación das discriminacións por idade, sexo, xénero, orientación sexual, discapacidade, raza, etnia, estado de saúde, localización xeográfica, status económico ou migratorio, ou por calquera outra condición. A Axenda 2030 recolle entre os seus obxectivos de desenvolvemento dostible a redución de desigualdades (ODS 10), a igualdade de xénero (ODS 5), a fin da pobreza que pon tantas persoas en situación de discriminación (ODS 1) e a xustiza para promover e aplicar leis e políticas non discriminatorias en favor do desenvolvemento sostible (ODS 16).

Este ano, o lema do Día da Cero Discriminación é «Para protexer a saúde de cada persoa hai que protexer os seus dereitos» e focaliza a discriminación nas persoas seropositivas: podemos acabar coa sida se se protexen os dereitos de todas as persoas. Progresivamente estase a desestigmatizar e tamén a erradicar a sida como ameaza para a saúde pública. Pero as políticas que discriminan e incluso criminalizan determinados grupos de poboación violan os dereitos humanos e obstaculizan o acceso á prevención, as probas, o tratamento e a atención do VIH. Por iso é urxente suprimir as leis que perpetran as desigualdades e introducir novas que defendan os dereitos de todas e todos. O camiño para acabar coa sida é o camiño dos dereitos.

Unha das metas do ODS 3, saúde e benestar, é garantir o acceso universal aos servizos de saúde sexual e reprodutiva e a integración da saúde reprodutiva nas estratexias e os programas nacionais. Segundo ONUSIDA, en 25 dos 36 países con datos recentes, preto do 50 %  das persoas de entre 15 e 49 anos mostran actitudes discriminatorias contra as persoas que viven co VIH. Os datos indican que a discriminación en relación co VIH en 2021 causaba ou contribuía á perda do emprego en máis do 50 % dos casos en 7 dos 11 países con datos, e nas persoas do colectivo LGBTIQ+, esta cifra era considerablemente maior. Para loitar contra a estigmatización do sida, a educación sexual é chave. Nesta ligazón podes acceder á guía de linguaxe antiestigma elaborada pola organización CDC. Existen tamén servizos que velan pola saúde e a educación sexual coma Quérote +, en cuxos locais se poden realizar probas rápidas de VIH.

Neste día, así como en todos os demais, debemos ter claro que a non discriminación é un dereito, o respecto á dignidade humana, á autonomía e a levar unha vida plena en igualdade de condicións para todas as persoas.

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal