Día Internacional da Terra Nai 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 22/04/2022

Hoxe, día 22 de abril, no marco do decenio da ONU para a restauración dos ecosistemas, celébrase o Día Internacional da Terra Nai. 

Precisamente porque son os ecosistemas os que sustentan todas as formas de vida na Terra, nesta data procúrase concienciar sobre a súa importancia e reflexionar sobre os cambios que cómpre levar a cabo para previr a súa degradación. O informe “Facer as paces coa natureza: un plan científico para abordar a tripla emerxencia do clima, a biodiversidade e a contaminación”, pretende traducir o estado actual do coñecemento científico en mensaxes claras e adaptadas para que sexan máis doadas de comprender e implicar a cidadanía global na defensa da Terra.

O dito informe recolle peticións urxentes para que a economía se adapte a formas de produción máis sostibles e respectuosas co medio ambiente en liña coa Axenda 2030, que permitan cubrir as demandas humanas pero tamén as necesidades do planeta: a calor extrema, os incendios forestais, as inundacións e outros eventos climáticos están a afectar de tal forma as posibilidades de vida de milleiros de persoas que estas circunstancias non poden seguir sendo relegadas a un segundo plano; aínda máis cando é un feito que a pandemia global de covid-19 ten directa relación coa saúde do ecosistema.

Nesta data queremos unirnos á convocatoria da ONU para facer fronte ao cambio climático, pero tamén para tomar responsabilidade sobre a nosa pegada na natureza e demais fenómenos humanos que participan da destrución da Terra.

 

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal