Día Mundial da Educación 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 24/01/2023

Este 24 de xaneiro celébrase o V Día Mundial da Educación baixo o lema “Investir nas persoas, priorizar a educación”. Con este slogan a UNESCO demanda a todos os actores implicados a protección e a promoción da educación para acelerar o progreso “cara ao logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible nun contexto de recesión mundial, desigualdades crecentes e crise climática”.


Educación e Axenda 2030

O Día Internacional da Educación está estreitamente ligado co ODS 4 “Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas”; ademais, o carácter transformador da educación contribúe de forma determinante para acadar todos os ODS da Axenda e constitúe a base para unha sociedade xusta e igualitaria, así como para contribuír a un mundo sostible e pacífico.


Situación das mulleres e das nenas afgás

Tristemente o 20 de decembro de 2022 o réxime talibán cumpriu as súas ameazas e prohibiu o acceso das mulleres á educación universitaria, decisión que chegou 15 meses despois de excluír as mulleres da educación secundaria.

Dende a Universidade e en liña coa UNESCO queremos facer unha mención especial neste Día Internacional da Educación 2023 ás mulleres e ás nenas afgás que foron privadas do seu dereito á educación. Un atentado contra as mulleres, o dereito fundamental da educación e a dignidade humana que debe ser respondido pola comunidade internacional ofrecendo apoio, asilo e protección dos seus dereitos ás nenas e mulleres afectadas e procurando vías pacíficas que contribúan a mudar esta situación. 

Únete á reivindicación nas redes cos cancelos: #LetAfghanGirlsLearn #EducationDay

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal