Día Mundial contra o Cancro 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 09/02/2023

Por uns coidados máis xustos

Cada 4 de febreiro conmemórase o Día Mundial contra o Cancro. O cancro é un dos problemas principais de saúde nos seres humanos. De feito, segundo a UICC (Union for International Cancer Control) no ano 2020 case 10 millóns de persoas faleceron por esta causa e existe unha estimación de que no ano 2040 a cifra elevarase a 16,5 millóns de persoas. 

A campaña co lema “Por uns coidados máis xustos” ten unha duración de tres anos (2022-2024) para acadar unha maior incidencia. Concretamente neste ano 2023 a campaña impulsa as persoas a “unir as nosas voces e pasar á acción” para crear alianzas máis fortes e concienciar os nosos familiares, amizades ou compañeiros/as de que xuntos e xuntas podemos conseguir progresos contra o cancro.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) incide na necesidade de “comprometerse a fortalecer as accións destinadas a mellorar o acceso a unha atención de calidade, a detección temperá, o tratamento e os coidados paliativos”. Á súa vez, a Organización de Nacións Unidas (ONU) demanda máis investigación, innovación e investimento por parte de todos os países do mundo para buscar a erradicación total do cancro. Ambas organizacións recoñeceron que existe unha necesidade urxente dun compromiso mundial.

É preciso un acceso universal, de balde e igualitario en todas as zonas do mundo, para que esta enfermidade se poida tratar de maneira xusta para todos os seres humanos, e a mortalidade do cancro non se siga cebando con aquelas persoas de países ou contornas empobrecidos.

Cómpre destinar investimento no ámbito mundial en investigación e dotar de mellores condicións as persoas que traballan para a erradicación do mesmo. Asemade, cómpre lembrar que segundo a UICC “Ao aumentar a alfabetización pública e política, así como o entendemento do cancro, reducimos o medo e aumentamos a comprensión, destruímos mitos e conceptos errados e mudamos comportamentos e actitudes”.

 A Universidade cumpre un papel chave dentro da  prevención do cancro. No que se refire á prevención a través da docencia e da extensión universitaria, toma un rol relevante na promoción de hábitos saudables entre o estudantado. Así mesmo, contribúe con proxectos de investigación científica sobre detección, prevención e posibles tratamentos. 

Convidámosvos a coñecer máis detalles sobre as investigacións realizadas na Universidade de Vigo así como as nosas iniciativas de saúde e de benestar e deportes.

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal