José Antonio Rodríguez Vázquez

(1994-1998)

Catedrático de Química Analítica nas universidades de Santiago e Vigo, José Antonio Rodríguez Vázquez (Boimorto, A Coruña, 1940), dirixiu o Departamento de Química Pura e Aplicada (1990-1992) e o de Química Analítica e Alimentaria (1992-1994 e 200-2010) e foi reitor da Universidade de Vigo entre os anos 1994 e 1998. Decano do Ilustre Colexio Oficial de Químico de Galicia e presidente da Asociación de Químicos de Galicia (2004-2009), foi o primeiro presidente da Fundación Universidade de Vigo (1996-2004) e presidente da Fundación Empresa Universidade Galega, Feuga, entre 1997 e 1998. Foi membro e cofundador da Sociedad Española de Química Analítica, da Royal Society of Chemistry, da American Chemical Society e a súa división de Química Analítica e da Asociación Española de Toxicología.

Investigador principal ou participante en 25 proxectos, Rodríguez Vázquez dirixiu ou codirixiu unhas 40 teses e é coautor da edición facsímile do Tratado práctico de análisis química de las aguas minerales y potables. Censor de case unha decena de revistas nacionais de internacionais, ao longo da súa traxectoria profesional impartiu conferencias en institucións académicas nacionais e internacionais e participou en estudos de intercalibración coordinados polo BCR (Bruxelas) para a análise de toxinas paralizantes e diarreicas. Asesor do Instituto Nacional de Saúde Dr. Ricardo Jorge de Lisboa no estudo e análise de biotoxinas mariñas, foi membro da comisión científica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (1998-2002).

Profesor catedrático emérito de Química Analítica na Universidade de Vigo entre os anos 2010 e 2012, na actualidade está xubilado.

Os contidos desta páxina xestiónaos