Sorteo de bolsas de GALEGO DE TRANQUIS

UVigo - ANL 04/04/2024

Gustaríache ter unha bolsa de GALEGO DE TRANQUIS? De seguido explicámosche como conseguir unha!


Bases do sorteo de bolsas da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo
 

1. Entidade organizadora

A Universidade de Vigo, con domicilio social no campus universitario, 36310 Vigo, sorteará 10 bolsas, conforme o establecido nas presentes bases. 

2. Plataforma de participación, vixencia e ámbito

O sorteo realizarase na conta oficial de Instagram da Universidade de Vigo @cultura_vigo.

Desenvolverase desde o 8 de abril de 2024, a partir da primeira publicación do concurso no perfil, ata as 23.59 horas do 14 de abril de 2024. As participacións antes ou despois deste período non serán válidas. 

Este sorteo só é válido en España.  

3. Requisitos de participación e mecánica do sorteo

Poderán participar neste sorteo:

1) As persoas físicas. 
2) Maiores de 18 anos antes do peche da vixencia das participacións. 
3) Con residencia legal en España. 
4) Matriculadas actualmente na Universidade de Vigo.
5) Que conten cun perfil real en Instagram para participantes en Instagram (non serán válidas «contas concurso»).

Poderase participar do seguinte modo: 

  • En Instagram: o usuario/a deberá mencionar outro usuario/a da plataforma, a través dun comentario na publicación do sorteo.

A este respecto, non estarán permitidas as participacións cuxo contido se considere inadecuado, ofensivo, inxurioso, discriminatorio ou que poida vulnerar os dereitos de terceiras persoas. A entidade organizadora reservarase a posibilidade de descualificar as que incorran niso e de denunciar este contido. 

4. Contido do premio 

A través dunha aplicación externa aleatoria, sortearanse 10 bolsas entre os e as participantes de Instagram.

Cada persoa só poderá gañar unha bolsa, independentemente das veces que participe. 

O contido do premio está suxeito a posibles cambios que poidan xurdir por motivos alleos á vontade da entidade organizadora. 

O premio en ningún caso poderá ser obxecto de cambio, alteración, compensación económica ou cesión a petición das persoas gañadoras. 

Os premios son persoais e intransferibles. Non se poderán cambiar polo seu valor en metálico nin por outro produto ou servizo distinto. 

A Universidade de Vigo non se responsabiliza das posibles perdas, deterioracións, roubos ou calquera outra circunstancia imputable a terceiras persoas ou gañadoras, que poidan afectar ao desenvolvemento do premio. 

5. Selección persoas gañadoras, comunicación oficial, reclamación do premio e entrega

Unha aplicación externa aleatoria determinará as gañadoras e gañadores do sorteo do 15 de abril de 2024.

O anuncio das persoas gañadoras realizarase o 15 de abril mediante unha publicación na conta de Instagram @cultura_vigo.

Os gañadores e gañadoras deberán enviar ao enderezo electrónico anl@uvigo.gal:

- Nome e apelidos
- DNI
- Teléfono de contacto
- Copia do resgardo da matrícula do curso académico 2023/2024

A entrega do premio realizarase baixo as indicacións da Área de Normalización Lingüística.

As persoas gañadoras terán ata o 22 de abril, ás 12.00 horas, para reclamar o seu premio. No caso de renuncia, imposibilidade de localización ou cando non se cumpran os requisitos de participación, o premio quedará deserto. 

6. Utilización do nome das persoas gañadoras e comunicacións relacionadas con este sorteo

As persoas gañadoras consenten expresamente que a Universidade de Vigo poida utilizar o seu nome, os apelidos, o nome de usuario ou usuaria en Twitter/Facebook/Instagram e o contido da súa participación ou imaxe en calquera actividade publicitaria, promocional ou de mercadotecnia relacionada co presente sorteo en calquera medio. Estas actividades non lles conferirán ningún dereito de remuneración ou de beneficio agás o premio gañado conforme estas bases. 

A organización resérvase o dereito de facer un vídeo recompilatorio do contido das participacións gañadoras.

7. Responsabilidade

A Universidade de Vigo resérvase o dereito de non admitir ou excluír participantes que faciliten datos falsos, erróneos, inexactos ou que incumpran o establecido nas presentes bases. Ademais, queda eximida de calquera responsabilidade no caso de que os devanditos erros ou falsidades impidan identificar as persoas gañadoras. 

A Universidade de Vigo non se responsabiliza das posibles perdas, deterioracións, roubos, atrasos ou calquera outra circunstancia imputable a terceiras persoas que poidan afectar ao desenvolvemento xeral do sorteo.

8. Aceptación das bases

A participación neste sorteo supón aceptar estas bases, a suxeición á normativa fiscal que resulte de obrigatoria aplicación, así como a submisión expresa ás decisións interpretativas que destas realice a Universidade de Vigo en canto á resolución de calquera cuestión derivada do sorteo. Non aceptar a totalidade ou parte das presentes bases implicará a exclusión da persoa participante. 

A organización resérvase o dereito a modificar, en calquera momento, as condicións do sorteo por causa xustificada, erros, erratas ou causas de forza maior, sen asumir ningunha responsabilidade por esta modificación.

9. Desvinculación de Instagram

Instagram nin patrocina, nin avala, nin administra de ningún modo este sorteo, nin está asociado a el. A persoa usuaria desvincúlase totalmente de Instagram e é consciente de que lle está a proporcionar a súa información á Universidade de Vigo e non a Instagram. A información que proporcione utilizarase para xestionar a participación ou a comunicación do premio.

10. Contacto

Para consultar calquera asunto relativo ao concurso, pódese contactar a través do enderezo electrónico anl@uvigo.gal.

 

 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
Edificio Newton
Facultade de Filoloxía e Tradución
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal