Ciencia aberta
A ciencia aberta é unha aproximación colaborativa, transparente e accesible á investigación, que implica un cambio estrutural na maneira de concibila, executala e difundir os seus resultados. Trátase non só da apertura das publicacións, senón tamén dos datos de investigación, das metodoloxías, dos procesos, das infraestruturas e servizos dixitais así como da implicación da cidadanía nun entorno de investigación e innovación responsable.
De acordo co obxectivo 19 do Plan estratéxico 2020-2026, a Universidade de Vigo aposta pola ciencia aberta a través dun conxunto de accións que desenvolver de cara a 2026.
O marco normativo, tanto nacional como europeo, marcan tamén esa senda na que camiñar nos vindeiros anos. Por isto, a UVigo proponse os seguintes obxectivos para implantar o modelo de ciencia aberta:
- Acadar o acceso aberto pleno das publicacións científicas.
- Impulsar a creación dun sistema de infraestruturas e de servizos de apoio humano que faciliten a publicación de datos nun sistema FAIR (localizables, accesibles, interoperables e reutilizables) en repositorios de confianza.
- Promover ou fomentar un sistema de avaliación cualitativo e cuantitativo que recoñeza a diversidade de resultados da investigación e as prácticas de ciencia aberta.
- Implantar o coñecemento e a práctica dos principios de ciencia aberta por parte do persoal investigador, as unidades de apoio á investigación e do persoal da biblioteca.
- Xestionar e velar polo cumprimento das recomendacións e accións establecida por parte das organizacións para progresar cara á ciencia aberta.
Publicar en acceso aberto
Publicar en acceso aberto en revistas científicas ou en repositorios ten múltiples vantaxes para os investigadores e investigadoras: ter máis visibilidade e máis impacto; conservar os dereitos sobre as obras; publicar sen custo os artigos en acceso aberto e cumprir os requirimentos das axencias de financiamento. Para as institucións e a sociedade, o acceso aberto permite reflictir a actividade investigadora da universidade; favorecer a innovación e facilitar a transparencia e rendición de contas do investimento público na investigación.
A Biblioteca Universitaria mantén acordos con varias editoriais académicas para publicar en acceso aberto con descontos ou con financiamento nas tarifas de publicación destes artigos.
Máis información
- Guía do acceso aberto
- Acordos transformativos para publicar en acceso aberto
- Descontos para publicar en aberto na Universidade de Vigo (infografía)
- As publicacións científicas da UVigo en acceso aberto
- Observatorio da Ciencia Cidadá
A Biblioteca Universitaria encargarase de xestionar as solicitudes e ofrecerá soporte e asesoramento sobre o procedemento que se debe seguir.
As consultas pódense realizar por correo electrónico a través do enderezo accesoaberto.biblioteca@uvigo.gal